A Xunta publica os modelos de estatutos aos propietarios forestais para facilitar a constitución de agrupacións de xestión conxunta

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe estes documentos, orientativos e voluntarios, establecidos ao abeiro da normativa vixente, máis concretamente nas leis de montes de Galicia e de recuperación da terra agraria

A súa finalidade é simplificar a constitución destes grupos, o que redundará na mellora da xestión e dos aproveitamentos forestais

As agrupacións de xestión conxunta teñen como obxectivo a protección do medio ambiente, a prevención de incendios forestais ou o fomento do desenvolvemento rural

A primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”, establece nun dos seus eixos o programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que establecen os modelos de estatutos para agrupacións forestais de xestión conxunta e modelos tipo para constituír dereitos de usos e aproveitamento. Son modelos orientativos e voluntarios, que a Xunta facilita conforme ao establecido na normativa vixente, máis concretamente nas leis de montes de Galicia e de recuperación da terra agraria.

A primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”, establece nun dos seus eixos o programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta. Polo tanto, a finalidade desta iniciativa é a de facilitar a constitución e a xestión eficiente das agrupacións forestais de xestión conxunta en Galicia, algo que redundará na mellora da xestión e dos aproveitamentos forestais.

As agrupacións de xestión conxunta teñen diversos obxectivos, entre os que se inclúen a protección do medio ambiente, a prevención de incendios forestais e o fomento do desenvolvemento rural. As que decidan sumarse a estes modelos, incorporaranse a un rexistro específico e terán, por este motivo, preferencia na concesión de axudas públicas do sector forestal.

Deste xeito, publicanse os seguintes modelos de estatutos para as diferentes agrupacións forestais de xestión conxunta: para entidades sen ánimo de lucro de xestión forestal conxunta; para entidades sen ánimo de lucro de representación para a planificación ou comercialización conxunta; de comunidade de bens e de sociedade civil.

Modelos tipo

Con respecto aos modelos tipo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor de terceiras persoas en Galicia, publicaranse os seguintes: contratos tipo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor de agrupacións forestais de xestión conxunta; contratos tipo de cesión ou delegación da planificación da xestión forestal ou da representación para a xestión e comercialización conxunta a favor de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Os modelos de estatutos e modelos tipo fornécense como guía e referencia para as partes interesadas. O seu uso é opcional, e as partes poden adaptalos segundo as súas necesidades específicas, en cumprimento das disposicións vixentes.

A mellora da xestión forestal repercute positivamente de xeito directo nos titulares dos montes galegos e, de maneira indirecta, no conxunto da poboación. Isto é así porque esa mellora representa beneficios tanto económicos como sociais e ambientais para os galegos e incide nesa tripla sustentabilidade do monte pola que aposta a Xunta de Galicia.

 

Data de actualización: 06/11/2023