As probas da OPE do Sergas para o acceso á categoría de Técnica en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE) acadan o 87,8 % de participación

Na xornada de hoxe, presentáronse máis de 8.300 persoas que concorren ás 789 prazas ofertadas

Unha aspirante embarazada e outra co parto recente realizaron os seus exames no HULA

Silleda (Pontevedra), 5 de novembro de 2023

O Servizo Galego de Saúde desenvolveu este domingo no Recinto Feiral de Silleda as probas de acceso á categoría de persoal técnico en coidados auxilares (TCAE) cunha participación do 87,79 %. En total, de 9.526 persoas admitidas ao proceso selectivo, asistiron 8.363.

Dentro da oferta de emprego público que o Sergas está a desenvolver en máis de 50 categorías profesionais ata o mes de marzo de 2024 e con máis de 5000 prazas, ofértanse 789 prazas de TCAE por concurso-oposición. Estas prazas engádense ás 277 convocadas por concurso de méritos, sumando 1.066 prazas para estabilización de emprego.

Dentro das adaptacións necesarias para a fase de oposición, este domingo en Silleda 17 mulleres puideron interromper as súas probas para acudir á sala de lactación habilitada para alimentar os seus bebés, tres persoas con discapacidade auditiva contaron con intérprete de lingua de signos para seguir as instrucións que se transmitían por megafonía e unha aspirante con parto recente e outra embarazada examináronse no HULA.

O desenvolvemento do proceso selectivo con éxito foi posible grazas á colaboración de 400 persoas entre persoal colaborador, limpeza, seguridade, servizos médicos, Garda Civil, Policía Autonómica e Protección Civil.

Con este proceso, máis de 3.000 prazas foron obxecto de proceso de estabilización este ano 2023- Así, executouse máis do 50 % das prazas convocadas.

 

Os seguintes exames están previstos para os meses de febreiro e marzo do ano 2024.

Data de actualización: 05/11/2023