As probas da OPE do Sergas para o acceso á categoría de persoal de servizos xerais (PSX) acada o 71’3 % de participación

O conselleiro de Sanidade asistiu ao comezo das probas no Recinto Feiral de Silleda, onde salientou a aposta da Xunta por continuar a incrementar o número de prazas destinadas a persoas con discapacidade


Na xornada de hoxe, acudiron á realización das probas 4.793 aspirantes dos 6.715 que resultaron admitidos (71’3 % participación)

Mañá domingo, terán lugar as probas da categoría de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE) que conta con máis de 9.500 persoas admitidas

Silleda (Pontevedra), 4 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu esta tarde ao comezo das probas de acceso á Oferta Pública de Emprego do Sergas, unha convocatoria na que o Servizo Galego de Saúde oferta 196 prazas para a categoría de Persoal de Servizos Xerais en centros de atención primaria, e 789 prazas para a categoría de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE).

Durante as xornadas de hoxe e mañá, máis de 16.200 opositores acudiron á realización dos exames destas dúas categorías no Recinto Feiral de Silleda.

Así, para esta tarde están convocados un total de 6.700 aspirantes para ingreso na categoría de Persoal de Servizos Xerais (PSX), e outras 15 para a categoría de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (na quenda de discapacidade intelectual). Neste senso, acudiron á realización de senllos exames un total de 4.793 persoas, o que dá lugar a unha porcentaxe total de participación do 71’3 %.

Mais polo miúdo, presentáronse aos exames de Persoal de Servizos Xerais (acceso libre promoción interna, discapacidade xeral e discapacidade intelectual), un total de 4.779 aspirantes (71’3 % de participación).

Pola súa banda, no que atinxe ao acceso ás prazas de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (na quenda de discapacidade intelectual), presentáronse á realización do exame 14 das 15 persoas admitidas, rexistrándose un nivel de participación do 93’3 %.

Sobre este particular, o titular da carteira sanitaria da Xunta salientou o labor que está realizando o Executivo galego en materia de integración social e laboral das persoas que posúen algún tipo de discapacidade. Así, do total de prazas convocadas nos exames desta fin de semana, 80 prazas terán como destinatarios as persoas que sofren algún tipo de discapacidade.

García Comesaña puxo en valor a importante progresión do número de prazas reservadas nos últimos anos polo Servizo Galego de Saúde para as persoas con discapacidade. Así, remarcou que desde a primeira convocatoria levada a cabo no ano 2018, o Sergas xa conta con máis dun cento de persoas con discapacidade e emprego fixo, entre os que se inclúen: celadores, TCAE, pinches ou técnicos de farmacia.

García Comesaña gabou o traballo destes profesionais, apuntando que “coa súa dedicación e labor diario demostran que desde o Goberno galego debemos continuar a desenvolver procesos selectivos que aposten pola súa incorporación á Administración pública”, así, avogou por seguir ampliando a súa presenza no cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde.

Entre outros datos relevantes que nos deixan as probas selectivas desta tarde, cómpre destacar as 3 persoas embarazadas que realizarán os seus exames nos centros sanitarios galegos, así como as 7 aspirantes que solicitaron o seu dereito á lactancia durante a realización dos exercicios.

A xornada desenvolveuse con total normalidade, accedendo ao Recinto as preto de 4.800 persoas aspirantes, en menos de 45 minutos.

 

Domingo, probas selectivas TCAE

Xa na xornada de mañá domingo, o Recinto Feiral de Silleda acollerá desde as 15,30 h a realización do exames da categoría de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE).

 

Neste caso, máis de 9.500 persoas concorrerán á realización dunha probas nas que se ofertan 789 prazas desta especialidade. En concreto, 337 para a quenda de acceso libre, 395 para promoción interna e 43 para discapacidade xeral (que se engaden ás 14 da quenda de hoxe, para as persoas con discapacidade intelectual).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2023