O presidente da Xunta visita as instalacións da nova infraestrutura que estará activa a partir de decembro

Rueda anuncia a posta en marcha da planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa que dará servizo a 26 concellos

Sinalou que vai atender a un número moi importante de concellos, cunha poboación total de 327.000 habitantes

Destacou o investimento total de 15,8 M€ por parte da Xunta nesta planta de biorresiduos

Terá capacidade para tratar máis de 20.000 toneladas ao ano de lixo do contedor marrón, podas ou restos de madeira

Vai producir 6.000 toneladas anuais de compost de alta calidade para usar na agricultura e na xardinería

Esta planta forma parte da rede de infraestruturas públicas para a valorización de materia orgánica que terá 17 instalacións activas e nas que a Xunta investiu 45 M€

O Goberno autonómico destina máis de 210 M€ no 2024 a medidas para loitar contra o cambio climático e mellorar a xestión dos residuos

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 4 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá que a nova planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa comezará a funcionar a partir do vindeiro 1 de decembro e dará servizo a 26 concellos cunha poboación total de 327.000 habitantes. “Vai atender directamente a un número moi importante de concellos, e que ademais, se complementará cunha serie de plantas auxiliares”, sinalou.

 

Durante unha visita ás novas instalacións, Rueda resaltou que a Xunta investiu 15,8 millóns de euros nesta planta que está dotada da última tecnoloxía e que será, en parte, autosuficiente enerxeticamente a través de paneis solares fotovoltaicos. Ademais, destacou que “é a planta de compostaxe máis importante que vai haber na provincia de Pontevedra”. Esta infraestrutura está capacitada para tratar cada ano 15.000 toneladas da materia orgánica que os concellos recollan e outras 7.000 toneladas de material estruturante coma podas ou restos de madeira.

 

Ademais, a planta integrará todas as fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos -desde o pretratamento e fermentación ata a maduración e almacenamento-, o que permitirá que cada ano produza unhas 6.000 toneladas de compost de alta calidade que será usado na agricultura e xardinería en substitución de fertilizantes artificiais.

 

A Unión Europea obriga a que os concellos recollan de forma diferenciada a materia orgánica a partir do vindeiro 31 de decembro. Será a través de contedores marróns, sistemas de compostaxe doméstico ou comunitario, entre outros.

 

A planta de Vilanova forma parte da rede pública de infraestruturas para a valorización da materia orgánica que conta con 17 instalacións que estarán activas a finais de ano e nas que a Xunta leva investidos 45 millóns de euros para a súa reforma ou construción co obxectivo de adaptalas á nova lexislación europea en materia de residuos.

 

Rueda resaltou o firme compromiso da Xunta con deixar unha Galicia máis verde e sostible ás vindeiras xeracións: “se facemos unha reciclaxe dos residuos de calidade, estaremos facéndonos un gran favor a nós, e sobre todo, aos que veñen detrás”, afirmou. Proba diso é que o Goberno autonómico destina 212,2 millóns de euros a medidas para loitar contra o cambio climático ou o tratamento de residuos nos orzamentos do vindeiro ano que acaban de ser aprobados. Ademais, a Xunta manterá as achegas para apoiar aos concellos, entidades sen ánimo de lucro ou empresas na xestión eficiente dos recursos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2023