Máis de 30 expertos participarán no II Congreso de Igualdade e Recursos Humanos nos Servizos Públicos de Saúde

Entre as xornadas do 29 de novembro ao 1 de decembro, o Servizo Galego de Saúde organizará un evento que converterá Compostela no epicentro do debate das políticas de organización e xestión do persoal sanitario, así como de xénero e igualdade

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Cidade da Cultura acollerán os relatorios de diferentes responsables sanitarios autonómicos e tamén da OMS para abordar, entre outros temas, o benestar emocional e laboral dos sanitarios, o relevo xeracional, a perspectiva de xénero nas organizacións sanitarias ou a retención do talento

Agárdase a asistencia de máis de 250 congresistas coa participación de todos os servizos de saúde e do Ministerio de Sanidade
 

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo López, presentarán o II Congreso de Igualdade e Recursos Humanos nos Servizos Públicos de Saúde, que se celebrará en Santiago de Compostela do 29 de novembro ao 1 de decembro.

Dando continuidade ao primeiro Congreso celebrado en Barcelona, a súa segunda edición converterá á capital de Galicia no epicentro das políticas de igualdade, benestar e xestión de profesionais do sector sanitario. Así, contará coa participación de responsables do Ministerio de Sanidade, membros da Unidade de Xénero da Oficina Rexional Europea da OMS, así como tamén de importantes cargos e responsables dos servizos de saúde e entidades sanitarias.

Durante tres días, Compostela acollerá diferentes mesas, obradoiros e relatorios nos que 30 responsables e expertos en xestión de persoal do sector sanitario, procedentes dos distintos sistemas de saúde autonómicos, compartirán o seu coñecemento na aplicación de novas estratexias e medidas organizativas en materia de recursos humanos.

Baixo o lema Transformando a xestión sanitaria: innovación, liderado e persoas, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Cidade da Cultura albergarán un conxunto de conferencias co obxectivo de avaliar os retos e oportunidades que presenta o futuro no referente á xestión dos profesionais sanitarios.

No desenvolvemento do seu programa, abordaranse entre outros temas: o benestar emocional e laboral dos profesionais, a perspectiva de xénero nas organizacións sanitarias, os modelos retributivos, medidas para a retención do talento, ou a problemática dos desertos médicos -lugares de difícil cobertura-. Así mesmo, tamén se analizará a estabilidade do persoal sanitario, o reto do relevo xeracional no sector da saúde, ou a posta en común de solucións innovadoras no eido da atención primaria.

As prazas previstas son 250 e xa están inscritos mais de 180 profesionais. Neste senso, os profesionais sanitarios que desexen inscribirse no II Congreso de Igualdade e Recursos Humanos dos Servizos Públicos de Saúde poderán reservar a súa praza a través da seguinte ligazón web https://congresorrhhsanidadgalicia.es/inscripciones/.

Data de actualización: 04/11/2023