A conselleira de Política Social e Xuventude reuniuse esta semana coa primeira edil do concello Sandra Quintas

Fabiola García traslada á alcaldesa de Bande o reforzo da atención aos maiores e ás familias nos orzamentos da Xunta para 2024

Os 1.205 millóns de euros que recollen as novas contas da Consellería para o vindeiro ano, un 12% máis que o presuposto vixente, permitirán avanzar na universalización dos coidados das persoas con dependencia e consolidar a gratuidade en toda as escolas infantís

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, entrevistouse esta semana coa alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, para seguir avanzando na mellora dos centros e programas de servizos sociais que a Xunta de Galicia ten neste concello. Fabiola García trasladou á primeira edil que a atención aos maiores e o apoio ás familias continúan sendo dous dos eixes fundamentais dos orzamentos da Consellería para o vindeiro ano 2024, que ascenden á cifra récord de 1.205 millóns de euros, un 12% máis con respecto aos actuais.

A conselleira apuntou que este incremento permitirá consolidar todo o que ten avanzado Galicia nestes anos nos coidados aos maiores e aos máis pequenos. Así, daranse os primeiros pasos cara á universalización dos coidados das persoas con dependencia coa posta en marcha do Bono coidado no fogar e un complemento ao Bono residencia. Ademais, a nosa comunidade continuará sendo unha referencia na atención educativa de 0 a 3 anos ao reforzar o programa da gratuidade en todas as escolas infantís, ao que se destinan 60 millóns de euros, un 9% máis que este ano.

A Xunta de Galicia conta en Bande con dous centros públicos: unha escola infantil de 20 prazas e unha residencia de maiores de 50. Así mesmo, os maiores deste municipio ourensán en situación de dependencia reciben coidados profesionais nas súas casas a través do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2023