Román Rodríguez agradece o traballo dos directores dos centros educativos, que a partir de xaneiro se verá recompensado cunha mellora retributiva

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, agradece o traballo a prol da calidade do sistema educativo realizado desde as direccións dos colexios e institutos, “un labor que require da máxima implicación e compromiso” das persoas que desempeñan a función de directores e que “a partir de xaneiro verán recompensado cunha mellora retributiva”, lembra en referencia ao acordo pola mellora da educación acadado con tres das catro organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial Docente.

 

Así o expresou esta mañá con motivo da apertura da Xornada Formación para desenvolver a función directiva, dirixida a docentes para a adquisición das competencias necesarias para exercer as funcións propias do posto de director ou directora dun centro educativo. “O centro educativo é unha organización complexa que precisa dunha xestión eficaz e eficiente”, sinalou o conselleiro, que recalcou a importancia de encontros coma o de hoxe que proporcionen aos equipos directivos “as ferramentas necesarias para que Galicia siga sendo un referente educativo a nivel nacional e internacional”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2023