A conselleira de Política Social e Xuventude visitou esta mañá o novo centro da entidade Arela en Santiago de Compostela

Fabiola García destaca o compromiso da Xunta coa protección á infancia a través do mantemento de máis de 200 prazas de atención diúrna

Por vez primeira estas prazas será concertadas por réxime de concerto social, para o que se destinará 19,6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá o novo centro da entidade Arela en Santiago de Compostela, onde destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa protección á infancia a través do mantemento de máis de 200 prazas de atención diúrna por toda a xeografía galega.

A conselleira lembrou que o Goberno galego concertou por vez primeira este ano estas prazas de atención diúrna en réxime de concerto social, para o que destinou 19,6 millóns de euros. Unha modalidade que permitirá blindar a atención nestes centro ata o ano 2027, ofrecer unha maior estabilidade ás entidades que traballan neste sector e ofrecer, deste xeito, unha mellor atención diúrna aos nenos e adolescentes baixo medidas de protección.

Así mesmo, Fabiola García sinalou que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2024 volverán a reflexar a posta da Administración autonómica pola protección á infancia. Neste sentido, concretou que as contas para o próximo exercicio contemplan 60 millóns de euros para poder atender ás necesidades de todos os nenos e adolescentes da nosa Comunidade. Para que teñan garantido o dereito a unha infancia feliz.

Programas de protección á infancia

Neste sentido, lembrou algún dos programas e iniciativas que o Goberno galego impulsa neste ámbito como o acollemento familiar, fórmula que se vén reforzando durante os últimos anos con máis axudas ás familias acolledoras; a través dos Programas de Intervención Familiar (PIF) ou do programa Mentor, para acompañar aos menores tutelados unha vez acadan a maioría de idade; ou a ampliación da rede de Puntos de Encontro Familiar (PEF) que ofrecen espazos seguros para realizar as visitas estipuladas por orde xudicial entre proxenitores con separacións conflitivas.

Data de actualización: 04/11/2023