Pechan os bancos marisqueiros de Noia a petición da confraría e ábrese unha veda por causa de forza maior

A xefatura territorial da Coruña publicou unha resolución pola que modifica o plan de xestión de moluscos bivalvos a pé e en embarcación para o período que acaba en 2023

Os informes dos técnicos da confraría e da Consellería do Mar confirman a caída produtiva e sustentan a paralización temporal como solución para recuperar o recurso

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

A Xefatura Territorial da Consellería do Mar na Coruña emitiu hoxe unha resolución pola que adapta o plan de xestión de marisqueo a pé e embarcación nas zonas de autorización da confraría de pescadores de Noia, incluíndo o peche destes bancos marisqueiros desde o pasado xoves, día 2, ata a finalización da vixencia de dito plan, que culmina a finais deste ano.

Con esta actuación aténdese á petición elevada desde a xunta xeral do pósito noiés, que aprobou por unanimidade o pasado 19 de outubro solicitar, debido á drástica caída de capturas e á necesidade de garantir a supervivencia da cría das distintas especies e, en especial, do berberecho, solicitar unha veda que se estendese todo un semestre, de novembro a decembro de 2023 e de xaneiro a abril de 2024.

Tras facer os cambios precisos no actual plan de xestión que dan pé á parada biolóxica nos dous últimos meses do ano, desde a xefatura da Consellería explícase que a continuidade da veda para os catro primeiros meses do próximo exercicio, co correspondente seguimento da situación dos bancos e os traballos complementarios que permitan acadar a recuperación das poboacións de ameixa e berberecho “deberán incluírse e valorarse xunto coas outras accións contempladas na proposta de plan de xestión para o trienio 2024-2026” que presente a entidade.

Por recomendacións técnica, debido ás “circunstancias extraordinarias de forza maior de finais do 2022 e principios de 2023”, que impediron ás embarcacións e persoas mariscadoras participantes no plan desempeñar con normalidade a actividade extractiva, xa se pecharan os bancos marisqueiros de Noia dende o 1 de marzo ata o 30 de abril de 2023, establecendo unha veda nese período. A situación mantívose e o pasado 24 de outubro a confraría de Noia presentaba un escrito ante a Consellería no que reclamaba adaptar o plan de xestión para incluír as vedas ata final de ano e de xaneiro a abril.

A mostraxe realizada en agosto de 2023 con carácter previo ao inicio da campaña pola asistencia técnica da confraría xa amosou unhas densidades comerciais de berberecho, principal especie obxectivo do plan de xestión, extremadamente baixas comparativamente cos anos precedentes (15 individuos/m2 fronte a máis de 200 na previa de anteriores campañas), se ben cun elevado recrutamento de novos exemplares á pesqueira. Esta foi a primeira mostra de que as densidades comerciais eran demasiados baixas para permitir unha actividade continuada.

 

A confraría solicitou comezar a campaña para que os mariscadores e mariscadoras  constatasen sobre o terreo os resultados das mostraxes e a realidade do estado do recurso, polo que a xefatura territorial ditou resolución autorizando a actividade extractiva, a petición do pósito, durante 10 días de outubro, cuns topes moito máis baixos do que soen establecerse para o comezo de anteriores campañas.

 

O seguimento técnico da evolución da extracción das especies explotadas neses dez días reflectiron o xa agardado: unha situación de precariedade extractiva, especialmente para o berberecho.  O persoal técnico da Consellería do Mar certificou que as capturas deste bivalvo supuxeron o 6 % das capturas de 2022 e o 13 % das de 2021. Así, nos dez primeiros días de campaña deste ano extraéronse so 39,3 toneladas de moluscos, fronte a 226,6 toneladas hai dous anos e 433,5 nos dez primeiros días de traballo durante o ano pasado. En facturación constitúen o 11 % e o 18 % respectivamente, o que fai inviable que poda haber unha explotación economicamente rendible.

 

Ante esta situación o establecemento de vedas semellan fundamentais para que poda haber unha recuperación dos bancos e polo tanto tamén unha recuperación socio-económica do sector. Recomendáronse realizar labores de rexeneración e tamén a participación dos socios da confraría no control e vixilancia dos bancos co fin de garantir, no transcurso das vedas, a recuperación dos recursos.

 

Posibilidade de axudas

Desde a Xunta xa se amosou a disposición de financiar unha parada temporal da actividade en Noia, advertindo de que é necesario atender as condicións que marca a entrada en vigor do novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa). 

 

Na actualidade estase á espera de que o Goberno central publique o Real Decreto que regule as paradas definitivas e temporais para verificar que se podan cumprir os condicionantes que trae o regulamento para poder acceder a estes apoios. De confirmar que se cumpran estes requisitos regulamentarios e de facer a tramitación encargarase a Dirección Xeral de Pesca. Pola súa banda, á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e ás xefaturas territoriais corresponderalle a propia regulación da actividade marisqueira, cumprimentando os trámites de verificación e testificación do estado biolóxico dos recursos e das posibilidades de recuperación dos mesmos.

Data de actualización: 03/11/2023