A Xunta declara a firmeza do acordo da concentración parcelaria de Santa Baia de Losón, en Lalín, que reorganizará unha superficie de 693 hectáreas

Este proceso permitirá reordenar 3.152 parcelas en 945 predios, triplicando o tamaño medio das parcelas ao pasar de 2.198 metros cadrados a 7.333

Con esta sinatura dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, xa que só queda pendente aprobar a acta de reorganización

En Lalín están hoxe rematadas cinco parcelarias -888 hectáreas de 542 propietarias- e suma outras oito en diferentes fases, cunha superficie total de 9.980 hectáreas

Xunto as concentracións, a Xunta aposta polos mecanismos incluídos na Lei de recuperación e cos que, en total, xa mobilizou nesta lexislatura 35.000 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2023

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural,  vén de declarar a firmeza do acordo de reestruturación parcelaria da zona de Santa Baia de Losón, no concello pontevedrés de Lalín.

O perímetro da zona de Santa Baia de Losón abarca unha superficie de 693 hectáreas, distribuídas en 3.152 parcelas achegadas ao proceso por un total de 520 propietarios. Deste proceso de reestruturación da propiedade resultan un total de 945 predios, cunha superficie media por leira de 7.333m2, fronte aos 2.198m2 de superficie media das parcelas achegadas.

Coa sinatura da fimerza do acordo dase un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial en Lalín, xa que só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará finalmente terminado coa posterior entrega de títulos de propiedade

En Lalín están hoxe rematadas cinco parcelarias, abranguendo unha superficie total de 888 hectáreas e beneficiando a 542 propietarios, permitindo reformular 4.489 parcelas en 1.083 predios. Ademais, a estas cinco engádense outras oito concentracións -entre elas, a de Santa Baia de Losón-, actualmente en distintas fases do proceso e que supoñen unha superficie total de 9.980 hectáreas.

24 millóns de euros en 2024 para seguir impulsando parcelarias

O vindeiro ano, o Goberno galego destinará 24 millóns de euros para continuar traballando nas zonas de reestruturación parcelaria e no arranxo de pistas.

Deste xeito, o compromiso da Xunta é o de decretar unha nova zona de reestruturación parcelaria por cada rematada. Entre 2020 e 2023 rematáronse 29 parcelarias, cunha superficie total de 19.500 hectáreas, e dende 2021 decretáronse outras 29 parcelarias, abarcando máis de 23.810 hectáreas.

Xunto ás concentracións parcelarias, a Xunta aposta por mecanismos de mobilización de terra voluntaria incluídos na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupación de xestión conxunta da terra ou as permutas de especial interese agrario. Contando todas estas ferramentas, xunto ás parcelarias, a Xunta puxo en valor 35.000 hectáreas en toda Galicia nesta lexislatura.

Data de actualización: 04/11/2023