O DOG publica a aprobación do proxecto de interese autonómico que permitirá a construción do Novo Hospital Público da Coruña

O Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe o Decreto de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados por esta actuación

A Xunta realizará un investimento de máis 500 millóns de euros nun proxecto que consolidará o complexo hospitalario coruñés como centro sanitario de referencia a nivel nacional

O Novo CHUAC triplicará a superficie, mellorando a calidade asistencial dos máis de 550.000 pacientes que posúe a Área Sanitaria da Coruña-Cee
 

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición hoxe, a resolución do acordo que declara como Proxecto de Interese Autonómico (PIA) a construción do Novo Hospital Público da Coruña. Así mesmo, tamén fai público o Decreto de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados por esta actuación.

Con ambas as publicacións avánzase na tramitación do instrumento de ordenación urbanística do solo necesario para a construción do Novo Hospital Público da Coruña. Así, inclúense na mesma: as obras de urbanización e edificación, os accesos desde as vías de alta capacidade, o novo edificio hospitalario nas Xubias e o espazo para resituar as vivendas afectadas.

A consideración de Proxecto de Interese Autonómico (PIA) permite simplificar e darlle unha maior celeridade aos trámites necesarios para executar unhas obras que consolidarán a posición do complexo hospitalario coruñés como centro sanitario de referencia a nivel nacional.

A Xunta realizará un investimento que superará os 500 millóns de euros nun proxecto que representa a partida económica máis importante do Executivo Galego no que atinxe á mellora da rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde. Así, o Novo CHUAC triplicará a superficie do actual, permitindo mellorar as prestacións asistenciais dos máis de 550.000 pacientes, cos que conta a Área Sanitaria da Coruña e Cee.

Decreto de expropiacións e prevalencia do proxecto

O Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe o Decreto polo que se declara a urxencia para a tramitación das expropiacións necesarias para levar a cabo a actuación, o que suporán un investimento de 17 millóns de euros.

Así, se ben o Proxecto do Novo CHUAC ten como principal ámbito de actuación o ámbito de Curramontes, onde se realizarán as obras de renovación e ampliación dos edificios sanitarios; o proxecto tamén incidirá no ámbito de Pedralonga, onde se acometerán as obras de construción da nova urbanización residencial -17 vivendas-, para o realoxamento das persoas afectadas polas expropiacións de vivendas.

Por último, a publicación de hoxe tamén define a aprobación das modificacións do PXOM da Coruña no ámbito afectado por esta actuación de Interese Autonómico, e declara a prevalencia dos usos previstos no proxecto sobre calquera outro.

Avance das obras do Novo CHUAC

De xeito paralelo á tramitación dos documentos precisos para a execución do proxecto do Novo CHUAC, o Executivo galego xa avanzou naquelas actuacións que non precisaban da declaración de Proxecto de Interese Autonómico.

Neste senso, xa se atopan en proceso de contratación as obras para a demolición do actual Hotel de Doentes, por un importe de 1,3 millóns de euros; a construción da nova Torre Polivalente, por valor de 35 millóns de euros, e a execución da obra dos accesos, por 24,8 millóns de euros.

O Executivo prevé que a adxudicación destes contratos teña lugar durante o outono. Así, a Torre Polivalente será a primeira edificación do novo CHUAC e prevese que as obras se poidan iniciar entre finais deste ano e comezos de 2024.

Data de actualización: 03/11/2023