A Xunta adxudica a redacción do proxecto da acometida eléctrica para a nova depuradora da parroquia de Roimil, no concello de Friol

O contrato, adxudicado por máis de 15.000 euros e un prazo de 3 meses definirá as actuacións que completan os traballos en execución de mellora do sistema de saneamento municipal en distintos núcleos

A Xunta, a través de Augas de Galicia, está a estender a rede de saneamento e depuración de augas residuais aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira, cun investimento de 253.000 euros

A través deste contrato actualizarase o proxecto para executar a acometida eléctrica soterrada desde un punto de conexión afastado uns 500 metros da depuradora

Santiago

de Compostela, 3 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto da acometida eléctrica para a nova depuradora da parroquia de San Xiao de Roimil, no concello de Friol.

 

Este contrato, adxudicado á empresa Consultora de Ingeniería, Medio Ambiente y Arquitectura, S.L. por un importe que supera os 15.000 euros terá un prazo de execución de tres meses, e definirá as actuación necesarias para completar os traballos que se están a acometer de mellora do sistema de saneamento municipal en distintos núcleos deste parroquia.

 

A Xunta, a través de Augas de Galicia está a executar as obras necesarias para estender a rede de saneamento e depuración de augas residuais aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira, mediante a construción dunha rede de colectores e unha depuradora, cun investimento de 253.000 euros.

 

Durante a execución destas obras, téñense recibido as características técnicas da acometida eléctrica por parte da compañía eléctrica, dunha acometida soterrada desde un punto de conexión afastado uns 500 metros da nova estación de tratamento de augas residuais.

 

Deste xeito, mediante este novo contrato acometerase a redacción dun proxecto actualizado para as ditas actuacións, que cumpra coa nova normativa vixente e coas exixencias técnicas.

 

Características das obras en execución

As obras de rede de saneamento impulsadas na parroquia de San Xiao de Roimil comprenden á execución dunha condución principal, 2 colectores que verten ao principal e recollen sendas rúas do núcleo, e 4 ramais secundarios. A rede complétase con 59 pozos de rexistro.

 

Para o funcionamento do sistema de depuración incluíronse partidas para a acometida eléctrica, así como o sistema de medida e protección, e instalación interior para o seu correcto funcionamento.

 

Coa rede proxectada por Augas de Galicia veranse beneficiadas 20 vivendas, que reúnen unha poboación equivalente de 200 habitantes.

 

Cooperación

A intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Friol.

 

A Xunta cofinancia a actuación nun 80 %, ademais de encargarse da contratación e da construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto, que estará formado por unha depuradora de oxidación total.

 

Pola súa banda, o Concello de Friol contribuirá ao financiamento do 20 % restante, ao tempo que asume a tramitación das autorizacións precisas para posibilitar a súa realización, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

 

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Data de actualización: 03/11/2023