Galicia pon en valor o seu Observatorio costeiro na décima Conferencia Internacional de Eurogoos, o Sistema europeo de Observación Global dos Océanos

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño participou no encontro celebrado en Galway, Irlanda, e realizou unha presentación feita xunto coa Fundación Cetmar e Meteogalicia sobre os usos e gran potencial da ferramenta galega

O Observatorio, que acaba de cumprir quince anos, móstrase como un instrumento fundamental para comprender a evolución do medio mariño e será reforzado e modernizado con novos investimentos o próximo exercicio
 

Santiago de Compostela, 5 de novembro 2023

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) participou recentemente na Décima Conferencia Internacional do Sistema Europeo de Observación Global dos Océanos (EuroGOOS) que se celebrou en Galway, Irlanda. Neste foro o equipo de Intecmar, xunto co Centro Tecnolóxico de Galicia-Fundación Cetmar e MeteoGalicia, contribuíu cun traballo onde se da conta dos usos e potencialidade do Observatorio Costeiro de Galicia. Unha ferramenta que ven de cumprir 15 anos e que se verá reforzada con novos investimentos en 2024.

Garbiñe Ayensa e Pedro Montero, xefes da Unidade de Documentación e Apoio Científico da Unidade de Modelado Oceanográfico de Intecmar foron os encargados de representar ao Instituto no gran foro de EuroGOOS. A súa presentación oral ante o conxunto de expertos correu baixo o título ‘Falando cos potenciais usuarios finais do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia como punto de partida da súa estratexia: percepcións e necesidades’.

Os técnicos do Intecmar realizaron unha presentación desta ferramenta para describir despois os niveis que este valioso instrumento posúe para facer chegar os datos e servizos do Observatorio aos usuarios finais e, ao mesmo tempo, recoller as súas necesidades e inquietudes. Este traballo, que pretende contribuír a súa mellora continua, está encadrado no Plan de Ciencias Mariñas de Galicia.  

O Observatorio Costeiro de Galicia apoiase no convenio de colaboración entre as Consellerías do Mar e a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e constitúe unha peza fundamental para subministrar datos e predicións de calidade que nutran a investigación e a xestión do medio mariño, e tamén proporciona información necesaria para a xestión das emerxencias. Facilita ademais o desenvolvemento sostible dos sectores produtivos e xera produtos de valor engadido que se traducen en servizos para a poboación.

A rede do Observatorio conta con 4 antenas Radar HF (Prior, Vilán, Fisterra e Silleiro) que ofrecen datos cada trinta minutos en tempo real de mapas da corrente superficial ata cen millas cubrindo o dispositivo de separación de tráfico do corredor de Fisterra, polo que navegan anualmente arredor de 40.000 buques. A eles súmanse 43 estaciones oceanográficas (39 nas Rías Baixas e 4 no Golfo Ártabro) responsabilidade de Intecmar e complétase coas 160 estacións meteorolóxicas de Meteogalicia, a cuarta parte na costa.

Gran foro da ciencia mariña

O Sistema Europeo de Observación Global dos Océanos (EuroGOOS) promove, desde 1994, o desenvolvemento da oceanografía operacional en Europa como compoñente do Sistema Global de Observación dos Océanos da Comisión Oceanográfica Intergubernamental da Unesco (COI GOOS).

Cada tres anos, a conferencia EuroGOOS constitúe un foro para científicos e tecnólogos mariños que desenvolven produtos oceanográficos operacionais, e para os usuarios destes servizos, incluídos os responsables da adopción de decisións e a formulación de políticas públicas, así como para o sector privado.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 05/11/2023