A Xunta mantén o compromiso co movemento veciñal con 3M€ en 2024 para axudas ás entidades que o representan

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na entrega dos X edición dos premios ‘Crer no movemento veciñal’ da Confederación Galega de Asociacións Veciñais ‘Rosalía de Castro’ (Cogave)

Diego Calvo destacou o apoio do Goberno galego ao movemento veciñal polo seu importante papel para dinamizar a vida local e contribuír ao benestar da cidadanía
 

Lugo, 4 de novembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á X edición dos premios Crer no movemento veciñal da Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (Cogave), onde reafirmou o compromiso da Xunta cos colectivos veciñais.

Diego Calvo lembrou que os orzamentos da Xunta de 2024 reservan unha partida de 3 millóns de euros para as subvencións anuais dirixidas a asociacións de veciños e de mulleres rurais xunto con comunidades de usuarios de auga, no marco do Plan específico de acción comunitaria.

A través destas axudas, a Xunta está á disposición das entidades veciñais e de mulleres rurais para axudarlles a levar a cabo melloras nos seus locais sociais e dotalas do equipamento necesario co que realizar a súa actividade, así como colaborar coas comunidades de usuarios de augas en reparacións de traídas de augas. Ao abeiro deste apoio, un total de 304 entidades veciñais galegas resultaron beneficiarias este ano da convocatoria de subvencións, 36 delas na provincia de Lugo cun investimento de máis de 307.000 euros.

O vicepresidente primeiro incidiu na importancia de que as administracións apoien o asociacionismo local polo seu importante papel na dinamización vida social e cultural da contorna e na mellora da calidade de vida da veciñanza. Ademais, engadiu que estes colectivos son o ámbito máis próximo á veciñanza e, polo tanto, constitúen unha canle fundamental para trasladar as súas demandas.

Dinamización do movemento veciñal

Nesta liña, sinalou que a dinamización do movemento veciñal é tamén un dos obxectivos prioritarios de Cogave, entidade que reúne á meirande parte das federacións veciñais de Galicia. Por iso, a Xunta mantén un diálogo fluído e unha colaboración permanente cos servizos que as federacións de veciños demandan. Búscase así garantir o funcionamento asociativo e as melloras necesarias para o seu desenvolvemento óptimo na comunidade, o que redunda dun xeito directo en cada unha das persoas que a conforman.

Diego Calvo sinalou tamén a importancia de celebrar uns premios que contribúen a recoñecer o labor de persoas e institucións a prol do benestar da súa veciñanza e da cidadanía en xeral, como os entregados hoxe en Lugo. Para o vicepresidente primeiro, estes galardóns, que chegan xa á súa décima edición, demostran “a solidez, a fortaleza e o arraigo da unión veciñal”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2023