Trenor destaca que 16 concellos da Coruña recibirán máis de 530.000€ para a mellora das súas instalacións e material deportivo

O delegado da Xunta e visitou as pistas deportivas da Galea nas que a Xunta investirá máis de 50.000 euros entre o 2023 e 2024 para a construción dunha pista de pumptrack

Trenor informou que o éxito destas axudas provocou que se realizasen dúas convocatorias para dar resposta a alta demanda de actuacións por parte dos concellos
 

Miño  (A Coruña), 3 de novembro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou hoxe as pistas deportivas da Galea para anunciar un investimento de 50.000 euros para levar a cabo a construción dunha pista de pumptrack nesta zona deportiva. Trenor informou que esta axuda encádrase dentro dunha nova orde de axudas subvencións, da Secretaria Xeral para o Deporte,  dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable.

En total na comarca da Coruña foron 16 os concellos beneficiados por algunha das dúas liñas -instalacións ou equipamentos- ou con ambas as dúas por un importe de máis de 530.000. Concedéronse 25 axudas, que suman 530.000 euros, entre a primeira e a segunda convocatoria desta orde que mobilizaran un investimento de case 780.000 euros.

O importe total destas axudas ascende en Galicia a 8 millóns de euros se sumamos as dúas convocatorias que foron necesarias ante a alta demanda por parte dos concellos.

Trenor informou que o importe das subvencións serán o 80% do investimento subvencionable, ata o límite de 50.000 euros na Liña I -instalacións- e 10.000 euros na Liña II -material-. A porcentaxe restante será achegada pola entidade beneficiaria.

Deste xeito, a Xunta de Galicia sacou neste 2023 tres novas ordes plurianuais para instalacións deportivas. Ademais desta primeira orde para concellos de 8 millóns de euros; tamén cómpre destacar a orde para as instalacións de entidades deportivas cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros (sendo executados neste 2023, 600.000 euros). Con todo, o Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50% de todo o orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023