O DOG publica a encomenda para a mellora da eficiencia enerxética da sede da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en Santiago

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará antes de finalizar o ano esta obra, co obxectivo de iniciala no vindeiro 2024

Os traballos suporán un investimento de case 3,5 M€ e contan cun prazo de execución de 12 meses

Renovarase a envolvente, tanto a fachada como a cuberta, sen variar nin a volumetría nin a imaxe do edificio, de 7.300 m² de superficie construída

As intervencións permitirán mellorar a eficiencia enerxética do edificio, que acadará unha redución de, polo menos, un 30% de enerxía primaria non renovable

Este proxecto é froito da colaboración entre a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, responsable deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras na edificación
 

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia fai pública hoxe a encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas das obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio que alberga a sede da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, situado na rúa de San Lázaro, en Santiago de Compostela.

Esta actuación, que suporá un investimento de case 3,5 M€, será licitada antes de rematar o ano, para iniciar a súa execución no vindeiro 2024. O prazo de execución é de 12 meses.

A través desta encomenda, o departamento de Infraestruturas da Xunta asume a elaboración do proxecto, a licitación e adxudicación das obras, así como a súa dirección e execución. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231103/AnuncioG0533-251023-0001_gl.html

Mediante esta intervención de mellora da eficiencia enerxética, renovarase a envolvente, tanto a fachada como a cuberta, sen variar nin a volumetría nin a imaxe do edificio, de 7.300 m2 de superficie construída. É dicir, o acabado manterá o aceiro corten.

O obxecto principal deste proxecto é desenvolver unha serie de actuacións que permitan mellorar a eficiencia enerxética do edificio, que debe supoñer unha redución de, polo menos, un 30% de enerxía primaria non renovable.

Máis en detalle, as actuacións que se realizarán no edificio situado en San Lázaro inclúen a mellora da envolvente térmica, a substitución de todas as carpinterías exteriores e os vidros correspondentes, así como o cambio da envolvente da cuberta e a súa impermeabilización.

Na intervención proxectada polo departamento de Infraestruturas da Xunta prevese, tamén, a substitución do alumeado existente por iluminación LED de alta eficiencia con sistema de regulación e control.

Ademais, substituirase a enfriadora existente por unha enfriadora aire-auga de elevada eficiencia enerxética, e cambiarase a actual caldeira convencional a gas natural por un conxunto de caldeiras murais a gas natural de alto rendemento.

Este proxecto materializarase a través da colaboración entre a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, responsable deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, que acometerá as obras.

A intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do programa Next Generation UE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023