O director da Axencia Galega da Industria Forestal visitou en Lobios catro inmobles que recibiron axudas para súa construción en madeira

A Xunta destaca a aposta do Goberno galego polo fomento do uso da madeira como elemento estrutural, para o que destinará 2 M€ no 2024

Estes complexos turísticos da Baixa Limia forman parte das 164 empresas e particulares que recibiron na última convocatoria achegas para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais

Jacobo Aboal resaltou o compromiso do goberno autonómico co sector forestal, que tamén contará nos orzamentos do vindeiro ano con 11 millóns de euros para tecnoloxías forestais

Unha porcentaxe das edificacións impulsadas pola Xunta empregarán madeira na súa estrutura, na liña xa avanzada en proxectos como o do BUO de Muíños
 

Lobios (Ourense), 3 de novembro de 2023

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, visitou hoxe en Lobios varias edificacións que recibiron axudas do goberno autonómico para a súa construción en madeira. Alí destacou a aposta da Xunta de Galicia polo fomento do uso en madeira como elemento estrutural, para a que destinará dous millóns de euros no 2024.

Nesta liña de apoio, estes complexos turísticos da Baixa Limia forman parte das 164 empresas e particulares que recibiron na última convocatoria resolta achegas para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. En total, as axudas concedidas ás catro edificacións visitadas hoxe ascenden a preto de 185.000 euros.

Segundo indicou o director, estas subvencións teñen como obxectivos principais loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e a xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar ás persoas que vaian a habitar edificacións construídas en madeira. Uns obxectivos que, ademais, se enmarcan dentro dos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira.

Nesta liña, Jacobo Aboal lembrou o compromiso ambiental da Xunta na loita contra o cambio climático e na busca dun monte multifuncional e sustentable, polo cal a partir do vindeiro ano unha porcentaxe mínima das edificacións públicas impulsadas polo Goberno autonómico terán que empregar madeira na súa estrutura.

Apoio ao sector forestal

Ademais de fomentar a construción en madeira, a Xunta seguirá centrando os seus esforzos na mellora da competitividade do sector forestal. Neste sentido, o director da Axencia Galega da Industria Forestal destacou diferentes convocatorias de achegas públicas como o os 2,5 millóns de euros para investimentos de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira; ou os 14,1 millóns de euros en investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, o maior importe dunha convocatoria deste tipo.

Con todo, a Axencia volverá incrementar o orzamento -ata chegar aos 2,4 millóns- para axudas ás actividades en materia de valorización e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que utilicen a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal. Ademais, o director lembrou os 11 millóns de euros do seu orzamento a investimentos para a construción de tecnoloxías forestais, unha medida incluída nos orzamentos da Consellería do Medio Rural para 2024. Incrementarase esta partida en máis dun 100%. Ademais, unha porcentaxe mínima das edificacións públicas impulsadas pola Xunta de Galicia utilizarán madeira estrutural, unha liña xa avanzada en proxectos como o da Base da Unidade Operativa (BUO) de Muíños.

A maiores, a Consellería do Medio Rural xa está a traballar nun novo paquete de axudas á industria forestal; con achegas, entre outras, á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas galegas e do contract ou subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

Crearase tamén unha nova liña específica para a dixitalización das empresas do sector forestais en Galicia e para realizar investimentos necesarios que lle permitan ás empresas acudir dun xeito máis sinxelo e económico aos seguros da súa maquinaria e instalación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023