O presidente da Xunta recibiu hoxe en Santiago ao gobernador desta prefectura nipoa, Shuhei Kishimoto

Rueda destaca os lazos entre Galicia e Wakayama e comprométese a reforzar os máis de 25 anos de colaboración existentes con esta rexión xaponesa

O pulo á promoción turística, vencellada cos camiños de Santiago e Kumano Kodo, e aos intercambios xuvenís entre ambas rexións foron abordados neste encontro

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe os estreitos lazos existentes que unen a Galicia coa rexión xaponesa de Wakayama desde hai máis de 25 anos e amosou o compromiso do Goberno galego de continuar a reforzalos. 

Así o trasladou o mandatario galego no encontro que mantivo hoxe en Santiago de Compostela co gobernador da prefectura Wakayama, Shuhei Kishimoto, no que estivo acompañado do director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo.  

Nesta reunión, Rueda destacou que, a pesar dos case 11.000 quilómetros que separan a Comunidade galega con esta rexión nipoa, son moitas as cuestións compartidas entre ambas. Precisamente, puxo en valor a unión que supón o feito de que ambas contan coas dúas únicas rutas de peregrinación declaradas como Patrimonio da Humanidade: a do Camiño de Santiago e a do Kumano Kodo, que ten propiciado o xermolo e desenvolvemento de importantes accións en común nos últimos anos. 

Por este motivo, o presidente compartiu co gobernador o interese por parte de Galicia e de Wakayama en impulsar a promoción de ambos os itinerarios, cuxa irmandade fai 25 anos.  Ademais,  Rueda tamén apuntou a outros ámbitos nos que seguir ampliando esta colaboración, entre os que salientou os intercambios xuvenís. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023