A Xunta aumenta en máis dun 60 % o investimento para prazas concertadas en centros de rehabilitación de saúde mental

O conselleiro de Sanidade visita o novo Centro de Rehabilitación Psicosocial de Doa en Vigo, e pon en valor o programa para a intervención precoz en psicose

A Xunta xa incrementou desde a entrada en vigor do Plan de Saúde Mental máis de 200 prazas en centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos e unidades residenciais de saúde mental

O Sergas concerta coa Asociación Doa prazas de dispositivos de apoio comunitario para enfermos mentais crónicos, que inclúen o Centro de Rehabilitación psicosocial e pisos protexidos

Vigo, 3 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, considera esencial manter a colaboración do Goberno galego con entidades sociais para a execución dos programas destinados a concertar prazas en centros de rehabilitación psicosocial e laboral, así como pisos protexidos e unidades residenciais para pacientes de saúde mental. Ao respecto, o titular da carteira sanitaria dixo que, no proxecto de Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, “a partida para financiar estes concertos medra nun 8,5 % ata os 9,9 millóns de euros”.

Comesaña fixo fincapé, na súa visita á Asociación Doa con motivo da inauguración do novo centro de rehabilitación psicosocial de Vigo, no feito de que a Xunta superou o obxectivo de 9,5 millóns que fixaba o Plan de Saúde Mental para este ano, co que finalmente pasouse dos 6,1 millóns de 2020 aos actuais preto de 10 millóns, “o que supón un aumento de máis dun 60 %” no investimento do Executivo galego para estas prazas.

Con este incremento orzamentario que reciben as entidades, “non só poderemos seguir aumentando o número de prazas concertadas, que xa se creceu en 200 nos últimos anos, senón que poderemos tamén establecer un novo contrato que mellore as prestacións que se dan”.

Labor fundamental para usuarios e familiares

Na compaña do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, o conselleiro de Sanidade destacou, no acto de hoxe, que Doa desempeña “un labor moi necesario e fundamental, non só para os usuarios, senón, tamén para os seus familiares”. Ademais de ser unha organización de referencia a nivel autonómico no ámbito da saúde mental, Comesaña incidiu en que “é unha entidade que ofrece apoio, autoaxuda e atención ás persoas con problemas de saúde mental e a súa contorna”.

“Sabemos do seu esforzo e dedicación, pois o Sergas colabora con Doa dende hai anos; principalmente, a través do financiamento de pisos protexidos e centros de rehabilitación social e laboral en trastorno mental severo e, máis recentemente, nun programa de intervención precoz en psicose”. Este programa, -proseguiu o conselleiro-, “ten a vontade de ofrecer estratexias de tratamento e rehabilitación dirixidas a diminuír a necesidade de hospitalización, así como axudar á conservación das funcións cognitivas e proporcionar apoio emocional ante as experiencias da psicose”.

Tal e como detallou o conselleiro, o Sergas concerta con Doa prazas de dispositivos de apoio comunitario para enfermos mentais crónicos. En concreto, 89 de Centro de rehabilitación psicosocial; 30 para o novo Centro de Rehabilitación Psicosocial, e 34 prazas de pisos protexidos. Entre as funcións específicas destes dispositivos, Comesaña sinalou o mantemento destas persoas no contexto comunitario, o apoio ás súas familias e a prestación de servizos de rehabilitación psicosocial.

O máximo responsable da sanidade pública galega dixo que, cando hai unha entidade coma Doa, que fai unha atención tan completa, “non podemos máis que coincidir en colaborar con ela para desenvolver os programas, aos que tentamos dotar con todos os recursos que estean ao noso alcance”.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu, o traballo de Doa, “levando a cabo programas que contemplan unha atención integral e personalizada para cada un dos usuarios, e proporcionando un contexto saudable de cara á promoción do benestar e a estabilidade destas persoas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2023