Máis de 16.000 persoas concorrerán esta fin de semana nos exames da OPE do Sergas das categorías de persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería

Están convocadas 6.700 persoas na categoría de persoal de servizos xerais e 9.541 na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería

As probas selectivas terán lugar no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, os días 4 e 5 de novembro
 

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

Máis de 16.000 persoas concorrerán esta fin de semana na realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais (persoal administrativo que traballa nos centros de saúde e PAC) e técnico en coidados auxiliares de enfermería.

Ofértanse, mediante o sistema de concurso-oposición, un total de 196 prazas para a categoría de persoal de servizos xerais, das cales 76 corresponden á quenda de acceso libre, 97 a promoción interna, 9 a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual e 789 prazas para a categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería, das cales 337 corresponden á quenda de acceso libre, 395 a promoción interna, 43 a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual.

Estas 985 prazas engádense ás 294 prazas ofertadas mediante o sistema de concurso de méritos para estas dúas categorías de persoal estatutario, correspondendo 17 á categoría de persoal de servizos xerais e 277 á categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería.

Resultaron admitidos, con carácter definitivo, un total de 16.241 aspirantes, 6.700 persoas na categoría de persoal de servizos xerais e 9.541 na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería. Así mesmo, o 87,36 % das persoas admitidas son mulleres.

Un 9,5 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas deste exercicio, por non estar en posesión do Celga 3 ou certificado correspondente acreditativo do coñecemento do idioma galego.

Todas as probas selectivas realizaranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra).

O sábado 4 de novembro, as 15,30 horas, examinaranse 6.715 persoas aspirantes da categoría de persoal de servizos xerais. Tamén se examinarán este día as persoas aspirantes pola quenda de discapacidade intelectual das categorías de técnico en coidados auxiliares de enfermería e persoal de servizos xerais.

O domingo 5 de novembro, ás 15,30 horas, abriranse as portas cunha previsión de ubicación nas mesas de aproximadamente unha hora. Está previsto que se examinen 9.526 aspirantes inscritos da categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería, polas quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

Protocolo das medidas organizativas no desenvolvemento das probas

A acreditación para o acceso efectuarase a través de código QR, que o aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e e que deberá levar impreso o día do exame e conservar ata a finalización das probas. O código QR conterá información da data, hora, lugar, pavillón e porta de acceso do aspirante, ademais de incluír indicacións xerais a ter contar para o acceso dos aspirantes e no desenvolvemento das probas.

Non se realiza o chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas.   

Sinalar que todos os aspirantes presentados ás probas selectivas terán dispoñible, a través de Fides/expedient-e, un certificado de asistencia, a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios.

Aspirantes xestantes e outras adaptacións

As aspirantes que desexen exercer o dereito de lactación terán a súa disposición unha sala habilitada para tal fin no exterior do recinto acondicionada con microondas, cambiador, etc. Tamén, se o precisa, pode solicitar realizar a lactación durante a realización dos exercicios.

Neste último caso, así como no das profesionais en situación de embarazo que poidan estar ingresadas o mesmo día do exame e desexen acollerse ao previsto no punto 8.1.7 das bases da convocatoria, deberán poñerse en contacto coa dirección de oposiciones@sergas.es para que lle informen do procedemento.

As persoas aspirantes ás que se lle concedeu algunha adaptación de posto por motivos de saúde, limitacións físicas ou psíquicas, realizarán a entrada pola porta 0.

As seguintes probas de exame están previstas para o mes de febreiro e marzo de 2024 co que finalizarían os exames dos proceso de concurso oposición de estabilización.

Data de actualización: 03/11/2023