A Xunta fai un recoñecemento póstumo ao técnico de loita Alexander Kachelaev

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes entregoulle á viúva a medalla de ouro da Federación Galega de Loita nun acto xunto co presidente da entidade deportiva, José Luis Olazábal

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse con Tatiana Katchelaeva, viúva do técnico de loita Alexander Kachelaev, falecido hai un ano, para facerlle entrega da medalla de ouro da Federación Galega de Loita. O encontro contou tamén coa presenza do presidente da entidade deportiva José Luis Olazábal e outros representantes da federación, así como o cónsul honorario da Federación Rusa en Galicia, Pedro Mouriño e Rubén Méndez, técnico do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra.

Diego Calvo transmitiulle a Tatiana Katcheleava o agradecemento de Galicia ao labor realizado polo seu home, coñecido como Sasha, a prol da formación dos deportistas galegos de alto nivel da sección de loitas olímpicas. Para o vicepresidente primeiro, o deporte galego debe contribuír a manter na lembranza a Alexander Kachelaev en recoñecemento á súa aposta pola comunidade galega para transmitir a súa sabedoría e experiencia.

Cómpre lembrar que o técnico de loita ruso estivo máis de tres décadas vinculado ao Centro de Tecnificación Deportiva de Galicia como formador e foi o encargado das relacións internacionais dos nove mundiais de Grappling e de Loita celebrados o pasado ano en Pontevedra.

O recoñecemento da Xunta a Alexander Kachelaev xa se fixo patente en 2017, ano no que recibiu a distinción ao Mérito Deportivo de Galicia. A medalla premia o labor e a traxectoria notoria e exemplar no ámbito deportivo de Galicia das persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos, que estean contribuíndo ou contribuísen ao crecemento, á promoción, ao fomento e á excelencia do deporte e da educación física da comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/11/2023