O Concello de Lugo comprométese a remitir con urxencia á Xunta a documentación pendente para a inscrición do 5% do PXOM

Lugo, 2 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Mª Encarnación Rivas, mantiveron esta mañá unha longa e produtiva xuntanza con técnicos do Concello de Lugo, así como coa concelleira de sostibilidade urbana, Paula Albarellos, á que tamén asistiu persoal técnico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que serviu para achegar posturas e na que o Concello comprometeuse a remitir á Xunta a documentación xustificativa solicitada polo Goberno galego que permita inscribir correctamente o documento definitivo do 5% do PXOM.

Arias asegurou que “a vontade da Xunta sempre foi a de acompañar ao Concello na elaboración do plan xeral, ofrecendo a máxima colaboración, conscientes da importancia deste instrumento para o desenvolvemento da cidade. Na xuntanza observouse que había un documento que non foi achegado polo Concello aos técnicos da Xunta”.

Neste senso, apuntou, “é fundamental que todas as administracións involucradas traballen en común para desbloquear esta tramitación, co fin de que a cidade de Lugo siga medrando”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/11/2023