A Xunta aproba o primeiro concerto social para a contratación de servizos de atención especializada a persoas con discapacidade

Rueda salienta que vai dirixido “as persoas con dependencia que padecen unha enfemidade mental”

Explica que o Consello deu luz verde á concertación de 33 prazas de atención diúrna para este colectivo cun orzamento de 1,1 M€ para un período inicial de catro anos, que poderá prorrogarse ata un máximo de dez

Salienta que se destinarán “96 M€ a seis convocatorias” con entidades do sector, “unha por cada tipo de discapacidade”: intelectual, física, autismo, dano cerebral, parálise cerebral e enfermidade mental
 

 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico consolida a rede de recursos públicos para a atención a persoas con discapacidade a través da contratación de prazas con entidades do sector polo procedemento do concerto social. Para iso, o Consello aprobou “a primeira convocatoria de prazas” que a Xunta vai contratar a través deste réxime na área de discapacidade.

Rueda explicou que o Executivo autonómico vai destinar “un total de 96 millóns de euros para seis convocatorias, unha por cada tipo de discapacidade”: intelectual, física, autismo, dano cerebral, parálise cerebral e enfermidade mental. “O primeiro destes concertos diríxese as persoas con dependencia que padecen unha enfermidade mental”, salientou.

Deste xeito, explicou que o Consello acordou esta mañá a convocatoria “de 33 prazas de atención diúrna especializada en saúde mental e o servizo de transporte vinculado a estas”. Rueda indicou que a duración inicial dos concertos sociais que se asinarán coas entidades que resulten seleccionadas será de catro anos e poderán renovarse ata acadar un máximo de dez anos. “O orzamento destes contratos é de 1,1 millóns de euros para o período 2024-2028, que poderá chegar ata os 3,9 millóns de euros tendo en conta as posibles prórrogas”, subliñou.

A convocatoria destas prazas publicarase nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG) e prevese que os concertos coas entidades entren en vigor “no primeiro trimestre do ano”, indicou.

Vantaxes do concerto social

O concerto social é unha demanda histórica das entidades do sector, que facilitará que as persoas con discapacidade non teñan que desprazarse longas distancias para acceder a unha praza pública.

Ademais, a través desta modalidade para a contratación de servizos especializados, a Xunta subirá un 25% o investimento con respecto aos contratos actuais; aumentará o importe do prezo/praza dos servizos e garantirá e consolidará a continuidade destes recursos públicos especializados. A Administración autonómica tamén asumirá as subidas salariais dos profesionais que atenden estes servizos e dará maior estabilidade xurídica e económica ás entidades que prestan esta atención.

 
 
 
 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/11/2023