A Xunta convocará 31 prazas de emprego público reservadas para persoas con discapacidade intelectual

O conselleiro de Facenda e Administración Pública presidiu hoxe o Consello Asesor para a integración da discapacidade na Función Pública galega

As administracións públicas deben promover iniciativas que axuden a alcanzar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

A Xunta convocará nas vindeiras semanas 31 prazas de emprego público reservadas para persoas con discapacidade intelectual. En concreto, 27 prazas na especialidade de limpeza e cociña e catro na de persoal de servizos xerais (PSX).

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos presidiu hoxe o Consello Asesor para a integración da discapacidade na Función Pública galega do que forman parte representantes da Administración, das organizacións sindicais e de colectivos da discapacidade.

A finalidade deste Consello Asesor é a de estudar e promover as iniciativas que se desenvolven para acadar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade na Administración Pública de Galicia.

Máis funcionarios con discapacidade

A inserción laboral de persoas con discapacidade constitúe unha vía fundamental para alcanzar unha plena integración social, polo que é necesario adoptar as medidas necesarias para incrementar o emprego destas persoas, aumentar as súas posibilidades de traballo e impedir calquera forma de discriminación.

As administracións públicas deben promover e desenvolver iniciativas que axuden a alcanzar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade. Neste sentido, a presenza de traballadores e traballadoras con discapacidade na Administración galega está a aumentar progresivamente.

De feito, pese a que o obxectivo está situado no 2%, na actualidade xa está superado no eido da Administración xeral (4,21%), no de Sergas (6,13%), e na Administración de Xustiza (3,27%). Ademais, sitúase no 2% no persoal funcionario de carreira de Educación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/11/2023