O peso mínimo dun quilo para o polbo terá unha marxe de tolerancia de 50 gramos unha vez realizada e rexistrada a pesada no momento do desembarque

Cúmprese coa demanda das organizacións do sector da pesca, que advertían de que durante as fases da cadea de produción e distribución experimenta unha diminución no seu peso alcanzando valores inferiores ao tamaño regulamentario

Un informe coa comprobación dos rexistros de pesadas en determinados intervalos de tempo constatou que a diminución se debía á perda de auga

A medida ven posibilitada polo disposto no Real decreto 418/2015, do 29 de maio polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros
 

Santiago de Compostela, 02 de novembro de 2023

O peso mínimo dun quilogramo para o polbo terá a partir de mañá unha marxe de tolerancia de 50 gramos unha vez se realice e rexistre a pesada no momento do desembarque, trala publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) da modificación da Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta normativa recolle no seu anexo I-B recolle o tamaño mínimo para o polbo nos citados 1.000 gramos, un quilogramo que segundo se especificaba é de aplicación en todas as fases da cadea de produción e distribución, desde o momento da súa captura ata a fase da venda polo miúdo.

Sinala a orde publicada este xoves que no transcurso destes anos as organizacións sectoriais da pesca de Galicia veñen formulando peticións sustentadas en que o polbo, durante as fases da cadea de produción e distribución, experimenta unha diminución no seu peso alcanzando valores inferiores ao mínimo regulamentario de 1.000 gramos.

A este respecto, un informe realizado sobre a comprobación e rexistro de pesadas do polbo en determinados intervalos de tempo recolle como resultado que poden existir diferenzas de diminución do peso debido á sensible perda de auga. En consecuencia, pode darse o caso de que exemplares que alcanzan 1.000 gramos de peso sufran unha perda no seu tamaño mínimo logo do seu desembarque.

O Real decreto 418/2015, do 29 de maio, que regula a primeira venda dos produtos pesqueiros, inclúe no seu articulado a posibilidade de aplicar unha marxe de tolerancia en relación coa pesada dos produtos pesqueiros. Con esta previsión normativa e comprobada a diminución de peso do polbo, apreciouse como oportuno aplicar unha marxe de tolerancia de 50 gramos para este produto pesqueiro.

A modificación a piques de entrar en vigor mantén plenamente o tamaño mínimo de 1.000 gramos no momento da captura, o que debe pesar a bordo, e aplicaría a marxe de tolerancia de 50 gramos unha vez realizada e rexistrada a pesada no momento do desembarque, antes de o polbo sexa almacenado, transportado ou revendido.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 02/11/2023