A Xunta destaca en Xantar a importancia da investigación para a continua mellora do sector vitícola, tal e como recolle a futura Lei da calidade alimentaria

Así o fixo o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, na presentación das V Xornadas de viticultura da Sociedade Española das Ciencias Hortícolas (SECH), que levan por título: “A viticultura ante o reto da sostenibilidade”

Ademais desta presentación, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) desenvolverá ao longo desta xornada e a de mañá unha serie de actividades no marco deste evento
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación das V Xornadas de viticultura da Sociedade Española das Ciencias Hortícolas (SECH), que levan por título: “A viticultura ante o reto da sostenibilidade”, no marco da 24 edición do Salón internacional de turismo gastronómico Xantar. Alí, o director puxo en valor a importancia de xornadas coma esta para continuar profundando na investigación para a continua mellora do sector vitícola, tal e como recolle a futura Lei da calidade alimentaria -que se atopa nestes momentos en debate parlamentario-. 

Estas xornadas, nas que colabora tanto a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) como a Universidade de Santiago de Compostela, pretenden ser un foro de comunicación no que se expoñan traballos de investigación, desenvolvemento e aplicación tecnolóxica do ámbito da viticultura coa participación de centros de investigación, ademais do sector económico e produtivo. Trátase dun congreso a nivel nacional que reunirá un centenar de investigadores. A data prevista de celebración será do 14 ao 16 de maio do vindeiro ano. 

Actividades da Evega en Xantar

Ademais desta presentación, a Evega desenvolverá ao longo desta xornada e a de mañá unha serie de actividades. Precisamente esta mañá tamén se levou a cabo un taller práctico sobre o recoñecemento dos atributos dos viños. 

Nel se explicaron os diferentes procesos físicos, químicos e microbiolóxicos que posibilitan que haxa diferentes caracteres que distinguen un viño dos restantes, ademais dos atributos derivados da variedade utilizada, as condicións dos parámetros de fermentación ou o tipo de crianza utilizada. Deste xeito, a xornada tiña como obxectivo que os enólogos utilicen as ferramentas ou procesos precisos en función do tipo de viño a elaborar e os atributos que queiran darlle. 

Así mesmo, a Evega vai organizar dúas catas no marco deste evento, unha cos acios brancos e ou outra cos acios tintos premiados nas Catas de Galicia deste ano 2023. A primeira, a dos acios brancos, celebrarase esta mesma tarde ás 19,15 horas. Pola outra banda, a cata dos acios tintos será mañá ás 19,30 horas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/11/2023