A Xunta inviste 70.000 € na colocación de ventás, reparación dos baños e formación en marketing para as praceiras da praza de abastos de Vilagarcía

Este apoio permitiu mellorar a imaxe e a funcionalidade do edificio, converténdoo nun lugar máis atractivo para a clientela e máis confortable para os traballadores

O total do investido na área territorial de Pontevedra supera os 330.000 euros, dos cales preto de 120.000 quedaron na comarca do Salnés
 

Vilagarcía, 02 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Praza de Abastos de Vilagarcía, onde a administración autonómica investirá máis de 70.000 euros como parte das axudas para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e rehabilitación das prazas de Abastos.

Esta axuda fai parte dos máis de 336.000 euros que se investiron na área territorial de Pontevedra e que están a permitir mellorar o funcionamento e as infraestruturas de preto de 15 mercados de excelencia. Na comarca do Salnés o seu importe é de preto de 120.000 euros.

A achega divídese en dúas anualidades, sendo que para este 2023 están destinados máis de 53.000 euros que xa permitiron realizar varias obras no edificio. Entre elas, a colocación e selado de todos os cristais da fachada norte e sur. Ademais, realizáronse traballos de pintado e colocación de canlóns e reparáronse os cuartos de baño.

Cabe destacar que esta axuda permitiu tamén ofrecer formación ás praceiras para que melloren o seu proceso de venda e que conten con nocións básicas de márketing visual e colocación de produtos.

O delegado territorial louvou as melloras levadas a cabo na Praza de Abastos e sinalou o “bo aproveitamento da achega” coa que se conseguiu solucionar varias carencias que tiña o edificio e que agora será “moito máis confortable para os traballadores e traballadoras e atractivo para os seus clientes”.

Reguera tamén quixo felicitar ás praceiras pola súa paciencia durante o período de obras e pola súa participación nas accións formativas: “Sabemos que cada vez é máis difícil atraer xente ás prazas. Por iso estas axudas son tan importantes, porque máis alá de mellorar o voso espazo de traballo, permítenvos aprender as ferramentas necesarias para adaptar este oficio aos novos tempos”.

Data de actualización: 02/11/2023