A Escola infantil de Senra no concello de Oroso estrea cuberta co apoio da Xunta

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou a instalación cuxa reforma foi financiada polo Goberno galego cunha achega de 31.000 euros

A medida enmárcase no apoio ao eido local, que permitiu en 2023 impulsar máis de 600 proxectos municipais en toda Galicia
 

Oroso (A Coruña), 2 de novembro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a escola infantil de Senra, en Oroso, que este curso estrea cuberta co apoio da Xunta. A obra enmárcase nun convenio asinado a comezos de ano co Concello e finánciase na súa totalidade coa achega de 31.000 euros do Goberno galego.

Segundo sinalou a directora xeral, a través desta actuación resólvense as deficiencias dunha infraestrutura fundamental para a veciñanza e en especial para as familias de Oroso, xa que a escola rexistraba continuas filtracións de auga por mor do mal estado da súa cuberta.

Así, substituíuse tanto o material de cobertura como a estrutura de soporte e colocouse un novo tellado de panel sándwich de aceiro galvanizado apoiado sobre perfís metálicos. Tamén se instalaron canlóns de aluminio nas fachadas principal e traseira, así como baixantes de aluminio. A maiores, demoleuse o voo sobre a entrada, que provocaba filtracións, e recolocouse a ventá sobre o novo cerramento.

Natalia Prieto enmarcou o apoio da Xunta á reforma na escola infantil de Senra no compromiso coas necesidades das administracións locais, e en especial coas infraestruturas a través das que se lles prestan servizos básicos á veciñanza e coas melloras de eficiencia enerxética. “A actuación realizada en Oroso garante instalacións confortables, salubres e eficientes para alumnado e profesorado”, apuntou.

Axudas específicas aos concellos

A directora xeral lembrou que o Goberno galego convoca anualmente axudas específicas para os concellos nestes dous eidos, coa orde de infraestruturas de uso público e o Fondo de Compensación Ambiental, ademais doutras medidas de apoio. A través delas o concello de Oroso recibiu nos últimos anos achegas que suman case 385.500 euros e que permitiron melloras en diversas instalacións municipais, como o parque infantil da escola de Vilacide ou o pavillón do complexo deportivo. A maiores, só o pasado ano, a localidade beneficiouse de 275.700 euros do fondo base de cooperación local.

No conxunto de Galicia, as distintas medidas de apoio da Xunta aos concellos impulsaron en 2023 máis de 600 proxectos municipais a prol de mellores instalacións e servizos cun orzamento de 27,2 millóns de euros. No exercicio de 2024 o Goberno galego reforza o seu compromiso coas administracións locais e sumará unha nova convocatoria destinada ao financiamento de actuacións de eficiencia enerxética con fondos Feder e que contará cun orzamento de 5,3 millóns de euros para as anualidades 2024-2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/11/2023