A Xunta destina máis de 66 M€ para reforzar a sustentabilidade na Ruta Xacobea de cara ao Ano Santo 2027

Xosé Merelles refírese aos avances feitos na xestión ambiental e enerxética e de sensibilización, que continúan no Plan Director dos Camiños de Santiago 22-27
 

Explica que se pretende así manter os altos niveis de aceptación do turismo en Galicia, onde o 90 % dos galegos valoran positivamente a presenza de turistas no seu municipio, segundo os últimos datos da Enquisa de Residentes que avanzou
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou hoxe os máis de 66M€ que a Xunta de Galicia destina para garantir unha xestión sostible do Camiño de Santiago no horizonte do vindeiro Ano Santo 2027. Isto que permitirá, dixo, “velar pola esencia da ruta xacobea, adaptarnos ás novas tendencias da peregrinación e manter os niveis de hospitalidade dos galegos”. 

Durante a súa participación nunha mesa de debate da feira sobre a ruta xacobea Fairway que se celebra en Santiago de Compostela, Merelles salientou “a importante aposta desde hai décadas” pola sostibilidade da ruta xacobea “que se incorporou de xeito oficial ao noso traballo no Plan Director dos Camiños de Santiago de 2015 e ao que lle estamos dando continuidade e mesmo reforzando de cara ao vindeiro Ano Santo”. 

Como dixo, nos últimos anos sentáronse as bases cun traballo que incluiu importantes avances en cuestión de xestión ambiental, eficiencia enerxética ou hídrica, pero tamén desde o eido da sensibilización tanto de peregrinos como residentes. Referiuse, en concreto, á catalogación do patrimonio natural e biodiversidade do Camiño, a posta en marcha dun plan de residuos na Rede Pública de Albergues como modelo demostrador, o impulso á compostaxe no rural ou a concienciación entre os peregrinos para a separación de residuos e uso de bolsas biodegradables axustables ás mochilas. 

O uso eficiente da auga cun protocolo de potabilización das fontes, colocación de válvulas temporizadas en albergues públicos para a diminución do consumo son outros dos aspectos aos que fixo mención e que, como dixo, se reforzarán nos vindeiros anos no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027. 

Garantir a histórica hospitalidade dos galegos

“Contamos cun investimento de 66 M€ só para a liña de traballo centrada específicamente no Camiño de Santiago Sostible, con medidas para a eficiencia enerxética, hídrica, ambiental e tamén para a sensibilización”, indicou. Neste sentido explicou que contar cun Camiño de Santiago sostible “é clave para que podamos garantir manter os elevados niveis de aceptación dos galegos ante a actividade turística, como vimos de comprobar nas últimas sondaxes”.

Neste sentido, reinvidicou a “histórica hospitalidade” dos galegos que vén avalada polos primeiros datos da Enquisa de Residentes que realiza de xeito anual desde 2020 a Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia para analizar a percepción dos galegos ante a actividade turística e os seus impactos. 

Os últimos datos que avanzou o director de Turismo amosan unha valoración global moi positiva en Galicia xa que o 90 % dos galegos valora de forma positiva ou moi positiva a presenza de turistas no seu municipio, porcentaxe que apenas varían desde o ano 2021. De feito, como explicou, en 2023 acadouse unha valoración dun 8,2 entre os que teñen unha relación directa ou indirecta co turismo e dun 7,6 o resto da poboación. “Se seguimos afondando nun Camiño de Santiago diversificado, desestacionalizado e tamén sustentable, conseguiremos manter esta boa convivencia”, explicou.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/11/2023