O delegado territorial da Xunta, acompañado dos alcaldes da Mancomunidade de Concellos do Ribeiro, clausurou esta mañá o obradoiro de emprego ‘Ribeiro Emprende II’

Gabriel Alén destaca aos obradoiros de emprego como ferramentas para promover a inserción laboral

O delegado territorial detallou que este programa, no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste 509.987 €, formou 20 alumnos – traballadores nos módulos de Actividades auxiliares en conservación e mellora dos montes (10) e Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas (10)

Gabriel Alén explicou que a formación impartida está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación

O representante do Goberno galego subliñou que desde o ano 2009, a Xunta de Galicia promoveu un total de 924 obradoiros de emprego, que mobilizaron máis de 461 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, lembrou esta mañá que a provincia de Ourense acollerá 14 novos obradoiros duais de emprego, 89 en Galicia, na convocatoria 2023-2024
 

Ourense, 02 de novembro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá á Mancomunidade de Concellos do Ribeiro para clausurar o obradoiro de emprego ‘Ribeiro Emprende II’ no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investiu 509.987 euros en formar 20 alumnos – traballadores nos módulos de Actividades auxiliares en conservación e mellora dos montes (10) e Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas (10)

O delegado territorial manifestou que este tipo de obradoiros teñen unha tripla dimensión: mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; ademais de colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

Gabriel Alén destacou que a formación que se impartiu nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación. O representante do Goberno galego felicitou aos participantes: “porque agora dispoñedes dunha formación que vos faculta profesionalmente e seravos máis doado atopar un emprego”.

“Con estes obradoiros -proseguiu o delegado territorial- a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Hoxe mesmo, os participantes recibiron un diploma que acredita tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos alumnos”.

Gabriel Alén concluíu que, “todos somos conscientes de que canto maior sexa a cualificación e as competencias dos nosos traballadores, maiores son as posibilidades de acceso ao mercado de traballo”, e polo tanto, a Xunta seguirá apostando polos obradoiros “como ferramenta para promover a inserción laboral”.

Novos obradoiros duais de emprego na provincia de Ourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, lembrou esta mañá que a provincia de Ourense acollerá 14 novos obradoiros duais de emprego, 89 en Galicia, na convocatoria 2023-2024 que permitirá aos concellos, mancomunidades e organizacións sen ánimo de lucro do sector forestal realizar estas accións.

O investimento da Xunta de Galicia nestes obradoiros ascenderá a uns 50 millóns de euros, nos cales se inclúe a reserva de case un millón destinado a incentivar a contratación das persoas participantes, unha vez rematada a formación. En total beneficiaranse da presente convocatoria 1.765 persoas desempregadas. Recibirán formación, disporán dun contrato de traballo e percibirán remuneración durante a súa participación nesta actividade, que se estende durante 12 meses. A Xunta subvenciona o 100 % do salario mínimo interprofesional (1.080 euros este ano), así como a totalidade das cotas por cada un dos participantes.

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia promoveu un total de 924 obradoiros de emprego, que mobilizaron máis de 461 millóns de euros. Case 19.500 persoas participaron nestas accións que materializan a colaboración entre a Administración autonómica e local e permiten atender, por outra banda, as necesidades de man de obra do mercado.

Accións desenvolvidas polo obradoiro de emprego ‘Ribeiro Emprende II’

Os 20 alumnos – traballadores do obradoiro de emprego ‘Ribeiro Emprende II’ desenvolveron as súas actuacións nos concellos da Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro.

No concello da Arnoia desenvolveron tarefas de acondicionamento de beirarrúas e traballos de silvicultura e acondicionamento de sendeiros nas masas consolidadas de frondosas autóctonas no monte de UP.

No concello de Beade levaron a cabo o acondicionamento de local municipal en Beade e realizaron traballos de acondicionamento de sendeiros e espazos públicos.

No Concello de Cenlle acondicionaron a Fonte de Lagarellos e a Fonte de Cuñas e os seus entornos.

No concello de Cortegada acondicionaron a zona exterior do centro social de Cortegada; e desenvolveron tarefas de limpeza dos depósitos de Auga O Pazo, A Tapada, Carballal, Cortellas, Ollo de Boi; das depuradoras do Balneario e da Ponte, e das fosas sépticas de San Bieito, Meréns, O Pazo, Piñon-Zaparín, Pontetrado e Vilanova da Barca.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/11/2023