A Xunta amplía a alerta laranxa por temporal costeiro a nivel vermello no litoral da Coruña

Agárdanse mar combinada do oeste ou do noroeste de ata 9 metros e vento do oeste de forza 9 no noroeste e suroeste da Coruña, mentres que no resto da costa continuará activa desde esta tarde a alerta laranxa por ondas de ata 8 metros e ventos de forza 8

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de aumentar a alerta laranxa por temporal costeiro que comeza esta tarde en toda a costa a nivel vermello a partir da madrugada no litoral da Coruña.

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico por temporal costeiro provocará desde primeiras horas da madrugada mar combinada do oeste ou do noroeste con ondas de ata 9 metros e vento do oeste de forza 8 e localmente forza 9. Afectará ao noroeste e suroeste da costa coruñesa. No resto do litoral, a partir desta tarde e, polo menos, durante toda a xornada de mañá, continuará activa a alerta laranxa por mar combinada do oeste ou do noroeste con ondas de ata 8 metros e ventos do oeste ou suroeste de forza 8.

 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. No caso de concellos con plans de emerxencias municipais (PEMU), recoméndase a súa activación en fase de preemerxencia.

 

Cómpre lembrar que desde esta tarde tamén estará activa a alerta laranxa por rachas máximas de ventos de ata 100 quilómetros por hora a toda a provincia da Coruña; na Mariña lucense, centro e montaña de Lugo; na montaña de Ourense; e no interior de Pontevedra. No resto da comunidade o aviso será de nivel amarelo por rachas de ata 90 quilómetros por hora. Ademais, estará activa a alerta amarela en practicamente toda a comunidade por precipitacións acumuladas de máis de 40 milímetros en 12 horas.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Dado que a fenómeno adverso se prevé que sexa especialmente intenso a medida que avance a tarde de mañá, en caso de ter que viaxar, aconséllase non facelo a partir de primeiras horas da tarde e, en todo caso, reducir os desprazamentos por estrada. Se é necesario viaxar, é preciso extremar as precaucións debido a posibles obstáculos na vía, bolsas de auga e zonas asolagadas.  

 

Entre as indicacións que debe seguir a poboación tamén se inclúe pechar e asegurar portas, xanelas ou toldos para evitar danos nas propiedades e posibles lesións, retirando macetas e todos aqueles obxectos que poidan caer á rúa e provocar un accidente; así como afastarse de cornixas, muros ou árbores que poidan desprenderse e tomar precaucións ao pasar preto de edificacións en construción ou en mal estado.

 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/11/2023