A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asistiu á sinatura
A Xunta e o Concello da Coruña asinan o acordo de colaboración para o desenvolvemento de medidas de control do xabaril na cidade
O Goberno galego encargarase da instalación, cebado, revisión e seguimento das gaiolas trampa
A Administración local comprométese a cumprir con todas as obrigas necesarias para obter as correspondentes autorizacións por parte do Executivo autonómico
A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña asinaron hoxe o acordo de colaboración para o desenvolvemento de medidas de control do xabaril na cidade.
E, a maiores, o Concello executará accións encamiñadas a reducir as condicións de refuxio e encame que ofrece o hábitat para o xabaril naqueles terreos competencia da administración local.
Co fin de realizar o desenvolvemento, seguimento e avaliación dos resultados, crearase unha comisión de seguimento, que estará integrada por dous técnicos da Vicepresidencia Segunda e outros dous do Concello.
Unha vez asinado o devandito acordo, o Concello da Coruña deberá presentar a solicitude da autorización excepcional para a implantación das medidas. Tras ser avaliada a documentación por parte da Xefatura Territorial, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural procederá a emitir a correspondente resolución.
Xestión de residuos
A sinatura deste convenio levouse a cabo no marco da reunión que mantiveron esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o tenente de alcaldesa do Concello da Coruña, José Manuel Lage Tuñas.
Na reunión tamén se abordou a xestión dos residuos municipais prestando especial atención tanto á implantación do quinto contedor destinado á recollida separada de envases lixeiros no municipio como ao procedemento para completar o selado do vertedoiro de Nostián.