A Xunta e o concello de Rois afianzan o seu compromiso en materia de recuperación e posta en valor do territorio

Na xuntanza valorouse a posibilidade de levar a cabo unha concentración parcelaria neste municipio ou outros instrumentos de mobilización de terras para usos agrícolas, gandeiros e forestais

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse esta mañá en San Caetano co alcalde de Rois, Ramón Tojo, onde puxeron de relevo a importancia da recuperación e posta en valor do territorio.

 

Na xuntanza abordáronse temas de interese para o rural deste concello coruñés. Concretamente, valorouse a posibilidade de levar a cabo unha concentración parcelaria neste municipio ou outros instrumentos de mobilización de terras para usos agrícolas, gandeiros e forestais. Tamén se ofreceron os servizos técnicos da consellería co fin de asesorar en agrupacións de xestión conxunta.

 

A Consellería do Medio Rural seguirá a traballar no 2024 nas zonas de reestruturación parcelaria e no arranxo de pistas destinando un orzamento de 24 millóns de euros. Ademais, o conselleiro comprometeuse onte no Parlamento de Galicia, durante a presentación das partidas orzamentarias do seu departamento para o 2024, a decretar unha nova zona de reestruturación parcelaria por cada rematada.

 

Así, cómpre lembrar que entre 2020 e 2023 rematáronse 29 parcelarias, cunha superficie total de 19.500 hectáreas, e dende 2021 decretáronse outras 29 parcelarias, abarcando máis de 23.810 hectáreas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023