A Xunta activa o plan de vialidade invernal na provincia de Lugo con 87 profesionais e 1.740 toneladas de fundentes para garantir a seguridade e a mobilidade nas vías autonómicas

O plan, en servizo desde hoxe, mobiliza na provincia un dispositivo de 58 máquinas, entre camións, follas ou esparexedores de sal, para reforzar a seguridade viaria ante os episodios de xeo e neve

Estes recursos, distribuídos en 6 centros operativos, permitirán atender os preto de 1.500 km de estradas autonómicas na provincia, onde case 400 km son especialmente susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo

A Xunta desenvolve entre o 1 de novembro e o 30 de abril o Plan de vialidade invernal cun amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos 5.500 km de estradas da súa titularidade
 

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2023

A Xunta activou este mércores o Plan de vialidade invernal na provincia de Lugo, cun dispositivo de 87 profesionais e 1.740 toneladas de fundentes para garantir a seguridade e a mobilidade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo.

Os 6 centros operativos e os medios distribuídos pola provincia para garantir a seguridade viaria nas estradas da Xunta ante as inclemencias meteorolóxicas propias desta época do ano permanecerán en servizo desde hoxe, día 1 de novembro, e ata o vindeiro 30 de abril. A Xunta dispón dun centro operativo na zona norte, en Xermade, e subcentros en Mondoñedo e no Cádavo; e outro na zona sur, no Incio, con subcentros en Monforte e en Lugo.

O plan na provincia de Lugo conta cun dispositivo de 58 máquinas, entre elas, camións, retros, ademais de cuñas, follas, esparexedores de sal ou estendedores de salmoira.

Estes recursos materiais permitirán a atención e o mantemento dos preto de 1.500 km de estradas autonómicas na provincia para acadar condicións de seguridade viaria, especialmente nas épocas con episodios de climatoloxía adversa.

Dentro deses 1.500 km de rede autonómica na provincia prestarase especial atención aos case 400 km que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo.

O Goberno galego vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro de 30 de abril, o Plan de vialidade invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos 5.500 km de estradas da súa titularidade.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.

Este plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.

Ademais de recoller protocolos de actuación, o plan prevé unha especial vixilancia das estradas para detectar posibles incidencias; e a achega de información permanente aos usuarios, a través dos paneis informativos nas estradas, de internet e o teléfono (coa colaboración do 112 ou da DXT) ou coa difusión da situación nos medios de comunicación.

O Goberno galego destina cada ano un importante investimento para levar a cabo tarefas de conservación nas vías, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal. Os Orzamentos da Xunta de 2024 recollen, concretamente, un incrementando de preto dun 8% do investimento destinado á seguridade viaria e á conservación das estradas autonómicas, acadando os case 53 M€.

No seguinte plano amósase a situación dos medios dispoñibles no citado dispositivo na provincia de Lugo.

Data de actualización: 01/11/2023