A Xunta somete a información pública o proxecto de construción dunha pasarela peonil na ponte sobre o rego Val dos Gozos en Cudeiro, no concello de Ourense

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio deste trámite, así como os bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto para actuar na estrada OU-150
 

O Goberno galego destinará un orzamento de preto de 382.000 € a estas obras que contribuirán á mellora de seguridade neste tramo, especialmente para os peóns
 

A actuación complementará a senda xa executada en Valdorreguerio, dotando o cruzamento sobre o rego dun itinerario diferenciado para os peóns, do que carece a ponte

Proponse a conexión dos dous itinerarios peonís mediante unha pasarela duns 50 metros de lonxitude e un ancho mínimo de 2,50 metros

O prazo para presentar alegacións ao proxecto será de 30 días hábiles a partir de mañá

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

A Xunta somete a información pública o proxecto para a creación dunha pasarela peonil na estrada autonómica OU-150 no núcleo de Cudeiro, no punto quilométrico 1, no concello de Ourense. 

O Diario Oficial de Galicia publica o anuncio do inicio do trámite de información pública necesario para executar o proxecto, que dotará o treito da ponte sobre o rego Val dos Gozos dun itinerario diferenciado para o tránsito peonil. O DOG tamén fai pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto. 

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231031/AnuncioG0181-231023-0001_gl.html 

O Goberno galego destinará un orzamento de preto de 382.000 € a estas obras que contribuirán á mellora de seguridade neste tramo, especialmente para os peóns. 

A Xunta rematou este pasado mes de setembro as obras de construción dunha senda na OU-101, en Montealegre, e na estrada OU- 150, en Valdorregueiro, impulsando un itinerario peonil seguro e accesible en cada unha destas sendas, nas que se investiron 1,6 M€. 

No caso concreto da estrada OU-150, en Valdorreguerio executouse unha senda de case 1 km de lonxitude na marxe dereita que remata xusto antes da ponte sobre o rego Val dos Gozos; e na outra marxe da conca existe unha beirarrúa, tamén na marxe dereita da estrada, que discorre ata o seguinte núcleo de Cudeiro. 

Os traballos obxecto deste novo proxecto teñen como obxectivo acadar un itinerario continúo a ambas as dúas marxes da ponte sobre o rego Val dos Gozos, para o que se definiron as actuación necesarias para conectar os dous itinerarios peonís mediante unha pasarela duns 50 metros de lonxitude e unha anchura mínima de 2,5 metros, tamén na marxe dereita. 

Cómpre lembrar que unha vez iniciado o trámite de información pública, coa publicación hoxe no DOG, o prazo para presentar alegacións será de 30 días hábiles contados a partir de mañá.

 

Data de actualización: 31/10/2023