A delegada da Xunta en Ferrol clausura en Monfero o obradoiro de emprego que formou 18 alumnos en atención sociosanitaria a persoas no domicilio

Martina Aneiros manifestou o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego na comarca e puxo en valor este tipo de formación orientada a cubrir as demandas reais do entorno

Monfero (A Coruña), 31 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu esta mañá en Monfero á clausura do obradoiro dual de emprego que este municipio comparte cos de Aranga, Irixoa e Vilarmaior.

A iniciativa, que contou cun investimento da Xunta de Galicia de 504.000 euros, formou 18 alumnos na especialidade de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio. A formación teórica que se impartiu na antiga escola unitaria de Irixoa, completouse con prácticas nos domicilios dos catro municipios participantes.

Aneiros aproveitou a ocasión para manifestar, unha vez máis, o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego na comarca de Ferrolterra, un compromiso que exemplificou na posta en marcha de programas formativos como o que hoxe se clausurou en Monfero. A delegada territorial destacou o “éxito” dun programa “orientado a satisfacer as necesidades reais do entorno o que é garante dunha inclusión laboral máis alta”, sinalou.

A través dos obradoiros de emprego como o que hoxe culminou en Monfero, a Xunta ofrece ao alumnado un período de 12 meses de formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas do entorno nos que se celebran. Ao final dos mesmos, as alumnas e alumnos obteñen un certificado de profesionalidade.

Estas accións, que priorizan como beneficiarias a persoas en situación de desemprego con dificultades para acceder ao mercado laboral, contribúen a reforzar a colaboración da Xunta coas entidades locais. Este ano o Goberno galego destinou preto de 40 millóns de euros a organizar obradoiros por toda Galicia cos que espera beneficiar a unhas 1.400 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023