68 investigadores posdoutorais poderán afianzar a súa traxectoria científica no sistema galego de I+D+i grazas ao apoio da Xunta
As consellerías de Educación e de Economía veñen de adxudicar os contratos tanto para a formación inicial como para a consolidación de liñas de investigación propias
Un total de 56 deles traballarán nas tres universidades públicas galegas a razón de 31 na USC, 21 na UVigo e catro na UDC
Os outros 12 farano en organismos públicos de I+D+i a razón de cinco na Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, tres na Fundación Novoa Santos (Ferrol) e catro en institutos dependentes do CSIC en Santiago e Vigo
Un total de 68 novos científicos incorpóranse ao sistema galego de investigación nas universidades galegas así como a outros organismos e entidades de I+D+i grazas ao apoio da Xunta de Galicia. Fano ao abeiro das convocatorias de axudas para a formación inicial e para completar a etapa de formación posdoutoral que impulsan conxuntamente as consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Economía, Industria e Innovación, cun orzamento de preto de 10M€.
Deles, un total de 56 traballarán no Sistema Universitario Galego público a razón de 31 na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 21 na de Vigo (UVigo) e catro na da Coruña (UDC). Os outros doce estarán en organismos públicos de I+D+i a razón de cinco na Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, tres na Fundación Profesor Novoa Santos (Ferrol), dous no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC (Incipit) en Santiago, e outros dous no Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo) tamén do CSIC.
Modalidade Formación Inicial
Na modalidade de formación inicial outórganse un total de 49 contratos, 40 ás universidades (a razón de catro para a UDC, 23 para a USC e 13 para a UVigo) e 9 para entidades e organismos de I+D+i (en concreto un para o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC (Incipit), outro para o Instituto de Investigacións Mariñas tamén do CSIC, cinco para a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e dous para a Fundación Profesor Novoas Santos).
Así mesmo, as persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright reciben a maiores outra contía de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía en Os Estados Unidos.
Modalidade de consolidación de novas liñas de investigación
No que atinxe á modalidade de consolidación de novas liñas de investigación, son 19 os novos científicos posdoutorais que se incorporan nas tres universidades públicas galegas (oito na Universidade de Santiago de Compostela e outros oito na de Vigo) e en entidades e organismos de I+D+i (un no instituto de Investigacións Mariñas, outro no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e un terceiro na Fundación Profesor Novoa Santos).
O Goberno galego destina a esta modalidade de continuidade da etapa de formación posdoutoral un total de 2.004.500€, unha partida coa que as universidades e os organismos de investigación beneficiados poderán formalizar os respectivos contratos de investigación. Así pois, a Xunta pon en marcha un ano máis o programa de axudas para completar a etapa posdoutoral.
Os beneficiarios destas axudas reciben ata un máximo de 49.000€ ao ano por un contrato de dous anos de duración, que inclúe unha axuda complementaria para o establecemento dunha liña de investigación propia, co fin de dar continuidade á súa carreira investigadora, posibilitando un perfeccionamento na súa formación que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.