A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, clausurou hoxe a xornada ‘A xestión das inundacións no contexto local. Planificación, divulgación e concienciación’

Ethel Vázquez destaca que os orzamentos da Xunta para 2024 reservan 5,4 M€ para completar o plan destinado a reducir o risco de inundacións en Carballo

Vázquez Mourelle detalla que a Xunta investirá o vindeiro ano máis de 8,7 M€ en obras para preservar os ecosistemas fluviais e previr o impacto das enchentes na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa

Salienta a colaboración da Xunta co Concello de Carballo para a execución dun conxunto de obras que reducirán os efectos das inundacións do río Anllóns sobre o territorio, sobre a cidadanía e sobre a economía

Concreta que xa rematou a execución dun ‘bypass’ na zona de Muíño do Quinto e se está a ultimar a remodelación do parque de San Martiño coa construción dun muro de contención

Avanza que axiña comezará a remodelación da ponte da rúa Fomento e da rúa do Sol, coa demolición dun edificio que invade o leito e a creación dunha canle de augas altas

Subliña que estas intervencións se completan coa mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace AG-55 e AC-552 na rúa da Cepeira, que está en fase de contratación

Indica que desde hoxe Carballo contará con sinalización das áreas con risco de inundación e adianta que se concienciará aos escolares da zona da importancia de respectar os ríos

Remarca que Galicia está na vangarda da adaptación da xestión da auga ao cambio climático, pois Augas de Galicia foi 1º organismo de conca de España en aprobar o seu Plan de Xestión do Risco de Inundación 2021-2027
 

Carballo (A Coruña), 31 de outubro de 2023

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que os Orzamentos da Xunta para 2024 reservan 5,4 M€ para completar o plan destinado a reducir o risco de inundacións na bacía do río Anllóns no concello de Carballo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, clausurou hoxe a xornada sobre A xestión das inundacións no contexto local. Planificación, divulgación e concienciación.

Vázquez Mourelle detallou que no conxunto de Galicia, serán máis de 8,7 M€ os dirixidos o próximo ano a actuacións de preservación dos ecosistemas fluviais e de protección fronte a inundacións.

A conselleira puxo en valor o traballo que a Xunta está a desenvolver en colaboración co Concello de Carballo para reducir o risco de inundación no río Anllóns e o seu impacto sobre o territorio, sobre as persoas e sobre a economía.

Concretou que xa se rematou a execución dun ‘bypass’ na zona de Muíño do Quinto, para mellorar a capacidade hidráulica do río, abrindo un canal alternativo que permite derivar caudal en períodos de crecida.

Sinalou que se está a ultimar a remodelación integral do parque de San Martiño coa construción dun muro de contención e axiña comezará a remodelación da ponte da rúa Fomento e ponte da rúa do Sol, que inclúe a demolición dun edificio que invade o cauce do río e a creación dunha canle de augas altas.

Apuntou que estas intervencións se completan coa obra de mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace AG-55 e AC-552 na rúa da Cepeira, en Sísamo, por un importe de 1,24 millóns de euros que se atopa en fase de contratación.

Fixo fincapé en que ademais de planificar e actuar no río Anllóns, é fundamental a divulgación e concienciación, polo que a Xunta vén traballando en dar a coñecer estes episodios naturais, coa sinalización das áreas con risco potencial significativo de inundación na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Subliñou que a partir de hoxe Carballo contará coa sinalización necesaria para que os seus habitantes e visitantes dispoñan desta información, ao igual que terán todas as zonas de especial risco.

Avanzou que tamén se levará aos centros escolares desta contorna a educación sobre a importancia dos ríos e a necesidade de respectalos. Así, concienciarase aos rapaces sobre a necesidade de manter o bo estado das masas de auga ou de facer un consumo responsable.

Galicia, na vangarda da xestión da auga

A conselleira salientou que Galicia se está a situar na vangarda da adaptación da xestión da auga ao cambio climático. Para isto, hai un ano Augas de Galicia convertíase no 1º organismo de conca de España en aprobar o seu Plan de Xestión do Risco de Inundación 2021-2027.

Esa planificación de 2º ciclo identifica as zonas da Demarcación cun maior grao significativo de influencia de cambio climático en relación coa meteoroloxía e o uso do solo, entre as que se sitúa a citada subconca do río Anllóns.

O Plan deseña un programa de medidas que requiren dun investimento de máis de 100 M€, dos cales preto da metade son achegados polo Executivo autonómico, 47 M€.

A conselleira remarcou nas xornadas de hoxe a importancia de restablecer un reequiliibrio entre a dinámica natural dos ríos e a actividade humana, co fin de poder seguir contando co subministro de auga, a regulación de secas e inundacións ou pragas e servizos de ocio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023