Galicia celebra o primeiro Día galego sen tabaco no marco do Plan Inspira Saúde da Xunta

Dende a súa creación, o Programa galego de parques sen fume conta xa con 34 municipios adheridos

O Consello da Xunta abordará esta semana a Lei de protección da saúde en persoas menores e prevención de condutas aditivas
 

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu hoxe o acto de celebración do primeiro Día galego sen tabaco, xornada que, segundo remarcou o titular da carteira sanitaria, “marca un paso importante de cara a un futuro máis saudable para a nosa cidadanía”. Baixo o lema: “O teu compromiso é clave, únete a unha Galicia sen fume”, Comesaña dixo que a Xunta quere salientar con este día “a importancia que ten a implicación individual nas actitudes e no posicionamento da sociedade nos proxectos de saúde”.

Segundo remarcou no acto o responsable da sanidade pública galega, quen estivo acompañado pola secretaria xeral técnica do seu departamento, Natalia Lobato; “apostar por unha sociedade libre de tabaco é sinónimo de saúde, ademais de ser unha das mellores mensaxes que podemos trasladar á nosa mocidade”. Para Comesaña, este primeiro día galego sen tabaco “convida a reflexionar sobre o impacto na nosa comunidade e a necesidade de promocionar estilos de vida saudables”.

Aproveitando este primeiro Día galego sen tabaco, o conselleiro anunciou que esta mesma semana abordarase, no Consello da Xunta, a Lei de protección da saúde en persoas menores e prevención de condutas aditivas. Un documento que, -segundo explicou Comesaña-, “aportará novidades significativas en relación ao consumo de tabaco, e que tratará ao mesmo nivel que o tabaco convencional os dispositivos tipo vapeadores ou cigarros electrónicos”.

Plans e accións

O titular da carteira sanitaria dixo que a Consellería de Sanidade leva anos traballando, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, en diferentes plans e accións que inciden na creación de espazos libres de fume, proxectos que, -segundo Comesaña-, “conciencian á poboación e contemplan formación para os profesionais”. Ao respecto, para o conselleiro, “un dos logros máis importantes foi a elaboración do Plan Inspira Saúde”, coordinado polas direccións xerais de Saúde Pública e Asistencia Sanitaria, e que conta con cinco liñas estratéxicas que inclúen medidas multidisciplinares de promoción, prevención, detección precoz e vixilancia epidemiolóxica.

Xustamente este primeiro día que hoxe se celebra enmárcase, -incidiu Comesaña-, nun dos obxectivos do Plan, que contempla desenvolver accións de comunicación e sensibilización asociadas a esta xornada.

Outro medida destaca polo conselleiro é a Rede galega sen tabaco, sendo a última iniciativa de ampliación da prohibición de non fumar en espazos non regulados a Rede galega de parques sen fume, “que xa conta con 34 concellos adheridos”. Comesaña lembrou que esta medida é filla directa do proxecto Praias sen fume, iniciativa que foi considerada por outras comunidades autónomas como innovadora e atractiva.

Importancia do papel dos profesionais sanitarios

O titular da carteira sanitaria considerou de xustiza no acto recoñecer o importante papel dos profesionais sanitarios, “pois son pezas clave na prevención das enfermidades relacionadas co consumo de tabaco e da exposición pasiva”. Dende os diferentes ámbitos ámbitos, “dan consello sanitario e fan intervencións específicas, apoiando aos fumadores no proceso de abandono”.

Ao remate do acto, fíxose entrega de diplomas aos representantes municipais de concellos participantes no Programa parques sen fume. Nesta entrega participou o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023