A Xunta inicia as obras da 2ª fase de humanización da avenida de Galicia en Teis, no Concello de Vigo, nas que inviste 4,1 M€

Intervirase nos 1,56 km da PO-323 desde o límite municipal de Vigo co de Redondela ata o IES de Teis, completando a remodelación deste eixe vertebrador coas obras que están actualmente en execución, entre a avenida da Mariña Española ao instituto
 

Esta nova actuación, que conta cun prazo de execución de 14 meses, iniciouse con traballos de roza no aparcadoiro situado na marxe oposta ao parque da Riouxa
 

A nova actuación redundará na mobilidade interna da cidade, para o que se realizarán conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos como a vía verde, priorizando os peóns e fomentando a mobilidade segura e sustentable
 

Habilitaranse 3 zonas de aparcadoiros, incrementando nun 38% as prazas actuais
 

Os traballos inclúen o retranqueo da fachada dunha vivenda para gañar espazo para a beirarrúa, o reforzo da semaforización no acceso ao Colexio Público San Salvador e a mellora da instalación semafórica no cruce entre Baixada á Rotea e a avda. de Galicia
 

En total, a Xunta inviste máis de 6,5 M€ na reforma integral da PO-323 en Vigo
 

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023 A Xunta acaba de iniciar as obras da 2ª fase do proxecto de humanización da avenida de Galicia en Teis, no concello de Vigo, unha actuación á que destinará un investimento autonómico de 4,1 millóns de euros.

Esta nova intervención de mellora da mobilidade sostible na estrada autonómica PO-323 conta cun prazo de execución de 14 meses. 

Con esta nova intervención, a Xunta completará as actuacións que están xa en execución, correspondentes a unha 1ª fase de humanización desta vía no treito de 500 metros que vai desde a avenida da Mariña Española ao IES de Teis, á que se destina un investimento autonómico de 2,45 millóns de euros.

 

Dese xeito, o investimento autonómico para a reforma integral da PO-323 en Teis supera os 6,5 millóns de euros de investimento.  

En concreto, as obras da 2ª fase iniciadas este mesmo luns, están a comezarse polos traballos de roza no aparcadoiro situado na marxe oposta ao parque da Riouxa.  

A intervención, no seu conxunto, centraranse na humanización do treito de 1,56 km desta vía autonómica, entre o límite municipal de Vigo co municipio de Redondela ata o IES de Teis. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria, priorizando os peóns nesta vía de acceso á cidade con características urbanas.

Con esta 2ª fase, búscase fomentar a mobilidade segura e sostible, así como mellorar a mobilidade interna na cidade de Vigo, para o que se realizarán conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos, como a senda da vía verde.

A actuación incluirá a reposición de pavimento dos itinerarios existentes, a execución de zonas de aparcadoiros e a habilitación de pasos peonís sobreelevados nas interseccións que permitan a interconexión con outros itinerarios peonís. Nas zonas onde o espazo dispoñible o permite disporase arborado.  

Non se prevén cambios sobre o trazado en planta, senón unha redistribución das seccións para habilitar itinerarios e os elementos funcionais, e tamén se mantén a rasante da estrada existente. 

75 prazas máis de estacionamento

En canto aos novos aparcadoiros incluídos neste obras que se vén de iniciar, executaranse tres novas zonas cun total de 167 prazas, o que unido ás prazas que se conservarán nas marxes da estrada, implica que haberá 273 prazas no ámbito da obra. Así, gañaranse 75 prazas con respecto ás 198 actuais, un incremento do 38%. 

Tras a análise das achegas recibidas, procederase a retranquear o saínte da vivenda no número 293 da avenida de Galicia, igualándoo coa aliñación da edificación contigua. Tamén se valorará a expropiación do terreo e a expropiación da parte da vivenda a demoler, e incluirase a reconstrución do resto da vivenda, dentro das obras que se van realizar. 

Como resultado das achegas recibidas, tamén se levará a cabo o reforzo da semaforización no acceso ao Colexio Público San Salvador e a mellora de instalación semafórica no cruzamento entre Baixada á Rotea e a avenida de Galicia. 

A Xunta impulsa esta actuación ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration-EU.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2023