Os centros especiais de emprego poden anotarse desde o xoves ao programa de formación dual dirixido á inserción laboral de 100 persoas con discapacidade

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria desta iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que duplica o seu investimento ata os 6 millóns de euros

O proxecto alterna durante tres anos emprego e formación que debe estar enfocada a obter os certificados de profesionalidade relacionados co oficio ou posto de traballo do contrato laboral

Na primeira convocatoria participaron 60 persoas con discapacidade intelectual que se cualificaron e traballaron en seis centros especiais de emprego
 

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da segunda edición do programa de formación dual en centros especiais de emprego dirixido á cualificación e á integración no mercado de traballo de persoas con discapacidade intelectual. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade duplica o investimento da iniciativa ata os 6 millóns de euros para ampliar o número de persoas beneficiarias. Así, estima que un cento de persoas con discapacidade poidan ao longo de tres anos, ata o 2026, combinar formación cun posto de traballo nun centro especial de emprego.

O prazo de inscrición para que se anoten os centros especiais de emprego á iniciativa ábrese o xoves e rematará o vindeiro 30 de novembro. A previsión é que se adhiran ao programa dez centros especiais, catro máis que na primeira edición, que deberán estar inscritos no rexistro administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia e cualificados como centros sen ánimo de lucro que conten, cando menos, con dez traballadores, dos cales un mínimo do 30% deben ter discapacidade intelectual.

Os destinatarios finais do programa, as persoas con discapacidade, terán que estar inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e carecer de cualificación profesional. De feito, a formación que se ofreza terá que estar enfocada a obter os certificados de profesionalidade relacionados co oficio ou posto de traballo que se desenvolva no centro especial de emprego. O plan formativo, ademais, poderá recoller actividades complementarias ou especialidades dirixidas a obter carnés profesionais, cando se requiran para o oficio ou posto de traballo previsto. A cualificación realizarase de xeito presencial mediante itinerarios formativos adaptados e estables de tres anos de duración.

O fin último é lograr que os participantes poidan obter despois un contrato de traballo nunha empresa.  

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia financia o custo salarial das persoas alumnas-traballadoras con discapacidade intelectual, o persoal de apoio e de acompañamento que sexa necesario e a actividade formativa.

A Xunta de Galicia está a apostar pola integración laboral das persoas con discapacidade no sistema produtivo e, por iso, ten en marcha diversas actuacións para favorecer o acceso a un posto de traballo das persoas con máis dificultades para atopar un emprego. É unha prioridade do Goberno galego a aposta polo emprego inclusivo e en igualdade de condicións.  

Data de actualización: 31/10/2023