A Xunta convoca axudas para que entidades empresariais e sindicais promovan a prevención de riscos laborais no tecido produtivo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a liña de axudas dotada con máis de 600.000 euros para financiar accións de formación, información e asistencia técnica

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria coa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará 604.184 euros a impulsar a formación e información na prevención de riscos laborais e consolidar unha verdadeira cultura da seguridade, sobre todo, entre pequenas e medianas empresas.  

Serán beneficiarias desta orde asociacións sindicais e empresariais intersectoriais e sectoriais, fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención (nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais) e asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, co que permanecerá vixente ata o próximo 31 de novembro. A Xunta outorgará anticipos do 100% para financiar accións desenvolvidas do 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024.

Grazas a estes apoios, financiados con fondos estatais, as entidades recibirán achegas para desenvolver iniciativas de información e formación no cumprimento da normativa, a través do deseño de métodos e contidos para programas de prevención de riscos.

No caso das organizacións intersectoriais, a maiores, financiaranse outras actuacións de asistencia técnica de carácter gratuíto. Neste caso dirixiranse ao estudo e resolución de problemas derivados da aplicación de medidas preventivas e estarán abertas a persoas traballadoras e/ou empresas.

Con esta iniciativa, o Goberno galego segue a fomentar a prevención de riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo e elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral.

As medidas diríxense principalmente ás pequenas e medianas empresas, maioritarias na configuración do tecido produtivo galego.

Estas axudas, financiadas con fondos estatais, súmanse ás xa convocadas este ano pola Comunidade por máis de 1,6 millóns de euros, co que o compromiso de Galicia neste eido materialízase nos máis de 2 millóns de euros destinados este ano á sensibilización.

Coa contía da nova orde hoxe aprobada en Consello, a Xunta de Galicia terá mobilizados máis de 5 millóns de euros a impulsar a prevención de riscos a través das entidades empresariais e sindicais desde 2021.

Ligazón á orde no DOG:
Data de actualización: 31/10/2023