O conselleiro do Mar visitou esta mañá o municipio para presentar os proxectos para a mellora das instalacións portuarias

A Xunta contempla nos orzamentos actuacións por importe de máis de 7 millóns de euros para o porto de Cariño

Alfonso Villares confirmou que a execución da obra de dragaxe da rampla e o peirao comercial está prevista para o vindeiro ano

Portos de Galicia tramita tamén o reforzo do dique de abrigo a través dun investimento plurianual

O conxunto das obras previstas para Ferrolterra a executar nos próximos exercicios achéganse a doce millóns de euros
 

Cariño (A Coruña), 30 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia contempla nos orzamentos para 2024 actuacións por importe de máis de 7 millóns de euros para o porto de Cariño. Así o confirmou esta mañá o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nunha visita ao municipio coruñés, na que deu conta dos proxectos portuarios previstos e aproveitou para reunirse cos representantes da Confraría de Pescadores.  

O titular de Mar, que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, explicou que na anualidade do vindeiro exercicio recóllese unha partida de 714.000 euros destinada á execución de dragaxe do porto. Esta actuación consistirá na extracción de máis de 20.000 metros cúbicos de area de dúas zonas do porto: a rampla de varada e a zona dos peiraos de atraque comercial interiores.

As obras permitirán mellorar a operatividade do porto devolvendo o calado necesario para a actividade diaria do sector pesqueiro e o tráfico comercial. A día de hoxe, os traballos atópanse en fase de redacción de proxecto e a súa licitación e execución prevense para o vindeiro exercicio.

Alfonso Villares informou tamén de que os orzamentos da Xunta para o próximo ano recollen, así mesmo, unha partida de 30.000 euros para a tramitación previa do proxecto de reforzo do dique de abrigo de Cariño. Esta proposta atópase en fase de tramitación administrativa ao precisar dunha modificación da adscrición de solo do porto, polo que Portos de Galicia tópase á espera de informes do Goberno central. O investimento global previsto, en partidas plurianuais, supera os 6 millóns de euros.

Investimentos en Ferrolterra

Os investimentos totais de Portos de Galicia para a comarca de Ferroltera roldan partidas plurianuais que se achegan, IVE incluído, aos doce millóns de euros, coa citada obra no dique de abrigo de Cariño como principal protagonista. A estas engádense outras grandes actuacións como as dragaxes nos portos de Espasante, Ortigueira, Pontedeume e Barallobre; o reforzo do talud no acceso á dársena de Mugardos; a mellora do balizamento de acceso ao peirao de Ortigueira; ou un novo dique flotante para O Barqueiro. En total, nestas actuacións mobilizaranse partidas nas contas autonómicas para o ano próximo que se aproximan ao millón de euros.       

Os Orzamentos 2024 para Galicia roldan os 13.300 millóns de euros, a cantidade máis alta  na historia, coas tres cuartas partes orientados a gasto social e 2.800 millóns de euros a investimentos. A boa praxe orzamentaria permite á Xunta evitar ter que acudir ao endebedamento ao mesmo tempo que se reforzan as rebaixas fiscais existentes para os contribuíntes galegos e se aplican outras novas para contribuír a dinamizar a economía.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 30/10/2023