Galicia esixe a convocatoria conforme á legalidade vixente da conferencia sectorial de medio ambiente na que se repartirán fondos estatais en materias clave

A Xunta e outros 13 gobernos autonómicos remiten unha carta á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico reclamando que rectifique e proceda a convocar a reunión de novo da forma legalmente prevista

Entre os asuntos da orde do día cómpre subliñar a territorialización do orzamento de 2023 para previr e paliar os danos do lobo, as subvencións para proxectos nas áreas de influencia dos parques nacionais ou os fondos do Plan PIMA Refuxios climáticos

Consideran que o feito de que o Goberno central opte polo procedemento escrito, por primeira vez na historia, para celebrar esta reunión furta o seu dereito a dialogar e á intercomunicación entre todos os membros do referido órgano multilateral

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023

Ante a recente convocatoria polo procedemento escrito da Conferencia sectorial de Medio Ambiente realizada polo Goberno central, Galicia e outras 13 comunidades e cidades autónomas acaban de impulsar unha fronte común para esixir que se volva convocar a este órgano multilateral conforme á legalidade vixente ao entender que, en caso contrario, se lles negaría a oportunidade de debater sobre asuntos clave para os seus respectivos territorios.

Neste sentido, cómpre subliñar que a celebración desta reunión levaba pendente desde o pasado verán e entre os aspectos a tratar figura a distribución territorializada de varias partidas de fondos estatais de grande transcendencia para as comunidades.

Nunha carta conxunta remitida hoxe á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, os representantes autonómicos de Galicia, Andalucía, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Valencia, Aragón, Estremadura, Baleares, Madrid, Castela e León, Ceuta e Melilla consideran que a referida convocatoria por escrito “adoece dun vicio de nulidade” o que impide a súa celebración e, por conseguinte, faría imposible a adopción de ningún acordo válido.

Por este motivo, solicitan unha rectificación do Ministerio e que proceda á suspensión da Conferencia Sectorial por escrito, fixada desde o 21 de outubro ata o 31 do mesmo mes, mentres non se proceda á súa convocatoria na forma legalmente prevista.

Ademais, trátase da primeira vez na historia en que o Goberno central convoca ao pleno da Conferencia sectorial recorrendo á modalidade escrita, un tipo de procedemento que, tal e como se recolle na misiva, resérvase “por lei” a supostos nos que o único punto na orde do día sexa analizar un proxecto normativo, algo que non sucede neste caso.

De feito, entre os 9 asuntos incluídos na orde do día cómpre subliñar a territorialización dos orzamentos do Estado de 2023 para previr e paliar os danos do lobo, as partidas das subvencións para proxectos nas áreas de influencia dos parques nacionais ou os fondos correspondentes ao Plan PIMA Refuxios climáticos.

Neste sentido e tendo en conta a transcendencia que ten para as comunidades autónomas este reparto, os conselleiros asinantes consideran que se está furtando o seu dereito a dialogar e a permitir a necesaria intercomunicación entre os membros do referido órgano multilateral en materias clave de temática medioambiental.

Data de actualización: 30/10/2023