O director do Instituto de Estudos do Territorio participou nesta primeira xuntanza

Galicia acolle a primeira reunión para a posta en marcha do proxecto europeo Green Gap para a promoción das infraestruturas verdes a nivel local

Nesta iniciativa, que conta cun orzamento de máis de 2,1 M€, participan un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

A finalidade do desenvolvemento dunha infraestrutura verde é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023

Galicia acolleu esta mañá a primeira reunión para a posta en marcha do proxecto europeo Green Gap para a promoción das infraestruturas verdes a nivel local, unha iniciativa na que o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ostenta a responsabilidade da correcta coordinación e realización das diferentes actividades e tarefas.

Deste xeito, o proxecto Green Gap Impulso das Infraestruturas Verdes Locais para a Restauración da Biodiversidade, a Renaturalización e Deseño dunha Paisaxe Resiliente ante o Cambio Climático das Zonas Urbanas e Rurais de Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes na área transfronteiriza.

Segundo lembrou o director do IET, Enrique de Salvador, a finalidade do desenvolvemento dunha infraestrutura verde é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

Con tal fin, o proxecto GREEN GAP inclúe tres fases: unha primeira de planificación, unha segunda de desenvolvemento e implantación, que constitúa exemplos de boas prácticas en materia de Infraestrutura Verde e paisaxe resiliente, e unha terceira etapa para a formación e capacitación na materia. A maiores, inclúe tamén un conxunto de accións para a correcta comunicación e difusión dos resultados.

Así, o proxecto permitirá a elaboración de 4 documentos de planificación estratéxica -3 estratexias de infraestrutura verde e un plan de mellora paisaxística- así como 7 proxectos piloto de Infraestrutura Verde.

Nesta iniciativa, que conta cun orzamento de máis de 2,1 M€, financiado no marco do Programa Interreg España - Portugal (POCTEP 2021-2027), participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Máis polo miúdo, por parte de Galicia participan a Universidade da Coruña, Concello de Pontevedra, Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués, forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2023