A Xunta forma ao persoal empregado público galego en materia de contabilidade

Cincuenta alumnos e alumnas iniciaron esta mañá na Escola Galega de Administración Pública un curso superior sobre o Plan Xeral de Contabilidade

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023 A Xunta, a través da Escola Galega de Administración Pública, iniciou esta mañá un curso superior dirixido a formar ao persoal empregado público en materia de contabilidade ao que asisten 50 persoas.  

Esta actividade foi inaugurada pola directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, a cal durante a súa intervención destacou a contabilidade como unha ferramenta clave nas administracións, xa que sirve de apoio na toma de decisións, incrementa a transparencia e, en consecuencia, contribúe tanto a mellorar a calidade dos servizos coma a cumprir coas crecentes esixencias de eficiencia e eficacia.  

Ademais, Sonia Rodríguez-Campos lembrou que esta actividade, convocada ao abeiro do Instituto de Economía Pública de Galicia, está aliñada co obxectivo da Escola de ampliar as actividades nesta área, non só en número de cursos senón tamén na variedade de contidos, coa finalidade de ofrecer unha maior especialización e ser un soporte fundamental para as novidades que vaian xurdindo na economía pública de Galicia. 

O curso superior iniciado hoxe formará ao longo de cinco semanas, a través de sesións presenciais e teleformación eminentemente prácticas, ao persoal empregado público nas características do Plan Xeral de Contabilidade, facendo fincapé en aspectos tales como as contas anuais, os instrumentos financeiros, os impostos ou as subvencións, entre outros.

 

Data de actualización: 30/10/2023