A Xunta inicia as obras do aparcadoiro disuasorio de Nigrán con 72 prazas e un investimento de preto de 650.000 euros

Ana Ortiz visitou este luns a zona na que se iniciaron xa os traballos para a construción do novo aparcadoiro, no ámbito da autoestrada AG-57 e a PO-340 (Gondomar-A Ramallosa)

Nigrán (Pontevedra), 30 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o ámbito da autoestrada AG-57, na súa conexión coa PO-324 (Gondomar-A Ramallosa) na que se veñen de iniciar as obras do novo aparcadoiro disuasorio que suporá un investimento de preto de 650.000 euros.

Trátase dunha nova actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Segundo explicou a representante autonómica, a superficie total construída será de 3.500 metros cadrados para a creación de 72 prazas de aparcamento con dúas prazas para persoas con mobilidade reducida e a preinstalación de tres puntos de recarga para vehículos eléctricos.

A obra, que tal e como indicou a delegada ten un prazo de execución de cinco meses, dará continuidade á senda peonil existente na PO-340, e construirá zonas verdes con arboredo para sombra, ademais dunha franxa verde de 2,20 metros e un illote central axardinado. Ademais, repoñerase a parada de bus existente á entrada do aparcadoiro e habilitaranse cinco pasos de peóns para dar continuidade ao tránsito peonil.

Ana Ortiz tamén engadiu que se instalará unha rede de drenaxe para a recollida de pluviais, a cal conectará a través de cuneta co río Miñor, e instalarase iluminación pública e vídeo vixilancia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2023