A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos no centro educativo xunto ao xefe territorial da consellería

A Xunta executa obras de acondicionamento no Cee Terra de Ferrol por valor de máis de 45.000 euros

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades leva investidos nos dous últimos anos máis de 115.000 euros en diferentes actuacións no centro a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que ten en marcha actualmente na comarca proxectos por valor de 5,4 M€

Ferrol, 30 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Indalecio Cabana, supervisou esta mañá o desenvolvemento das obras de acondicionamento do CEE Terra de Ferrol.

Concretamente estase a acometer a reforma dos baños e as obras de renovación do pavimento do patio cuberto, para as que a Administración autonómica contribúe cun importe de 45.400 euros.

Na visita, na que tamén participou o director do centro José Carlos Pena, Aneiros lembrou que a Xunta investiu nos últimos dous anos máis de 115.000 euros no centro, despois de que o pasado ano se acometera a reforma da instalación eléctrica de baixa tensión e a instalación placas fotovoltaicas, cun investimento conxunto de preto de 70.000 euros.

O CEE Terra de Ferrol conta este curso con 56 alumnos (11 en Educación Infantil, 35 en Secundaria e 10 en dous ciclos formativos de FP) e 24 docentes. O centro está incluído nos programas Plambe, para a mellora de bibliotecas escolares; Emociona-T ou EDUsaúde.

Os traballos que se están a desenvolver no CEE Terra de Ferrol están incluídos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a través do que a Xunta impulsa actuacións de modernizacións das instalacións educativas, facendo fincapé en cuestións como a mellora da eficiencia enerxética ou accesibilidade, entre outros aspectos. Actualmente, ao abeiro deste plan, a Xunta en marcha nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, en distintas fases, proxectos por valor de máis de 5,4 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2023