A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña

Agárdase vento do suroeste de forza 7 e mar combinada con ondas de ata 6 metros
 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
 

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta acaba de activar alerta laranxa para hoxe por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña.  

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico por ventos comezará a partir do mediodía e afectará ao noroeste e oeste da Coruña. Agárdase vento do suroeste de forza 7 e mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata 6 metros. No resto do litoral galego a alerta será de nivel amarelo.  

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.  

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2023