O conselleiro do Medio Rural, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o alcalde de Mazaricos participaron nun encontro cos veciños deste concello

A Xunta impulsará en 2024 os polígonos agroforestais e as aldeas modelo cun investimento de 7,4 M€

José González destacou as vantaxes dos polígonos agroforestais, figura incluída na Lei de recuperación da terra agraria, nun concello de clarísima vocación gandeira
 

Galicia conta hoxe con 26 polígonos en distintas fases de execución, o que supón a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños
 

O conselleiro remarcou a aposta pola mobilización de terras nestes últimos anos, con máis de 35.000 hectáreas postas en valor, para dinamizar o territorio e loitar contra os lumes
 

Mazaricos (A Coruña), 28 de outubro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, mantivo esta mañá unha reunión con veciños deste concello para expoñer a posibilidade de impulsar un polígono agroforestal nesta localidade coruñesa.  

Este tipo de iniciativas enmárcanse dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que entrou en vigor en maio de 2021. Nestes dous anos e medio activáronse 26 polígonos agroforestais -que se atopan en distintas fases de execución- para poñer en valor máis de 9.100 hectáreas, distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Na provincia da Coruña, actualmente están en marcha dous polígonos agroforestais, o de Curtis e o de Coristanco-Carballo.  

Ademais, a Consellería de Medio Rural prepara actualmente outros seis novos polígonos en Galicia, que en total permitirán mobilizar máis de 300 hectáreas, con 457 propietarios beneficiados.

 

Impulso á mobilización de terras nos Orzamentos 2024

A Xunta segue a traballar pola dinamización do rural con este tipo de ferramentas, pero tamén con outras como son as aldeas modelo, das que hoxe hai 21 decretadas en toda Galicia. Para impulsar estas figuras, os orzamentos de 2024 destinarán 7,4 millóns de euros para a súa potenciación na comunidade.  

O conselleiro tamén puxo hoxe en valor outras iniciativas de mobilización de terras como son as agrupacións forestais de xestión conxunta -cunha liña de 2,4 millóns de euros en 2024- e as permutas de especial interese agrario. Ademais, os Orzamentos contan cunha partida de 24 millóns de euros para seguir impulsando as concentracións parcelarias ao longo de toda Galicia.  

Dinamizar o territorio e loitar contra os incendios

José González remarcou hoxe que o obxectivo perseguido con estas iniciativas é dinamizar o territorio e xerar actividade económica para que sexa posible vivir no e do rural, así como tamén para anticiparse aos lumes e diminuír os danos que poidan causar. No caso concreto dos polígonos agroforestais, para a posta en valor de grandes extensións de territorio en situación de abandono ou infrautilización. 

Todo este traballo, xunto ao labor desenvolvido mediante as concentracións parcelarias decretadas, axilizando a súa tramitación, fixo posible xa a posta en valor de arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia por iniciativa da Xunta nestes últimos catro anos, tal e como lembrou González.  

No encontro de hoxe, o titular de Medio Rural trasladoulles aos veciños de Mazaricos os beneficios de avanzar na mobilización de terra nun concello de clarísima vocación gandeira, que de feito é o de maior produción láctea de Galicia (165 explotacións e algo máis de 131 millóns de litros anuais, con datos de 2022).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/10/2023